As bibliotecas universitarias galegas permiten o acceso a máis de 1.300 novos títulos de revistas electrónicas
O consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia (BUGalicia) contratou dúas novas coleccións de revistas electrónicas que suman máis de 1.300 novos títulos dispoñibles para toda a comunidade universitaria galega dende comezos deste mes. Os interesados poden acceder ás publicacións a través da páxina web de BUGalicia ou da biblioteca da Universidade de Santiago.
Cun total de 211 títulos editados, a primeira das coleccións, denominada Cambridge University Press, ofrece 82 publicacións pertencentes ás áreas tecnolóxicas, científicas e médicas e as 119 restantes ás áreas de humanidades e ciencias sociais. Esta plataforma publícaa a editorial Cambridge Journals Online, vinculada á Universidade de Cambridge, cuxo obxectivo principal é afondar no coñecemento, a educación, a aprendizaxe e investigación.
Pertencentes ao grupo Taylor & Francis que é un dos principais editores mundiais de publicacións académicas e científicas, a segunda colección de revistas, accesible a través de InformaworldT, conta cun total de 1.141 números dos cales 525 corresponden ás areas tecnolóxicas, científicas e médicas e 616 a humanidades e ciencias sociais.
BUGaliciaO Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia, constituído en 2001 polas tres universidades galegas apoiadas pola Xunta de Galicia, traballa para favorecer a produción científica que se está a desenvolver en Galicia, poñendo a disposición dos estudantes e dos investigadores o acceso á través da rede a un alto número de recursos electrónicos de información científica.