Ir o contido principal
STG

‘Bico de xeado’ faise co XXVI Premio Aresa de Desenvolvemento Rural

O ditame deuse a coñecer no Pazo de Montenegro
O ditame deuse a coñecer no Pazo de Montenegro
O ditame do xurado salienta a súa “inmensa ligazón” co sector primario. A gala de entrega desenvolverase o venres 27 de febreiro na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo
Lugo

O xurado da vixésimo sexta edición do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural escolleu como gañador a ‘Bico de Xeado’ pola súa “inmensa ligazón co medio rural e o sector primario e polas súas tres liñas de traballo na produción leiteira, na prestación de servizos e na elaboración dos seus propios xeados para a súa posterior comercialización en Galicia e fóra das nosas fronteiras”, explicou o reitor da USC, Antonio López Díaz, na rolda de prensa na que se deu a coñecer o ditame do xurado e que tivo lugar este venres 6, no Pazo de Montenegro. A gala de entrega do galardón, convocado pola Universidade de Santiago de Compostela e o Grupo Aresa, desenvolverase o venres 27 de febreiro na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo.

O xurado desta edición, na que se recibiron once candidaturas, estivo composto polo reitor da USC, Antonio López Díaz; o vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco José Fraga López; a presidenta de Aresa, Carlota López Pardo; a CEO de Granja Campomayor, María García Busto; e o catedrático de Química Analítica da USC, Carlos Herrero Latorre.

O reitor da USC iniciou a rolda de prensa repasando todas as propostas presentadas. Tras destacar que foran preseleccionadas tres delas como finalistas, Gandería Quintián, Hifas da Terra e Bico de Xeado, anunciou que ‘Bico de Xeado’ fora finalmente a seleccionada. Tamén salientou os resultados da empresa en termos de emprego, de facturación e da súa aposta por crear valor engadido cos seus propios produtos. A continuación, a presidenta de Aresa, Carlota López, expresou na súa intervención o agradecemento do grupo á Universidade “por continuar apostando pola organización desta iniciativa que, despois de vinte e seis edicións, continuamos levando adiante con moita ilusión”, así como a María García Busto e a Carlos Herrero Latorre “por formar parte do xurado”. Tamén cualificou de “moi meritorias todas as candidaturas presentadas”.

Candidaturas presentadas

Xunto con Bico de Xeado, presentáronse como candidatos a esta edición a Cátedra do Pan e do Cereal, Embutidos Suarna, Da Escola á Granxa, Gandería Quintián, Belacolmea-Innovar dende a colmea, Hifas da Terra, Soc. Coop. O Rodo, Ecogranxa de Riomouro, Vacantes.gal e AZ-Agro. O premio está dotado, como vén sendo habitual, con 10.000 euros e un diploma de mérito.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.02.2026.