Bico de Xeado recibe o XXVI Premio Aresa nunha gala celebrada na Facultade de Veterinaria de Lugo
A Facultade de Veterinaria de Lugo acolleu este venres a gala de entrega do XXVI Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, que nesta edición recaeu en Bico de Xeado, iniciativa da Cooperativa Agraria Provincial da Coruña, “pola súa forte vinculación co medio rural e co sector primario e o desenvolvemento dun proxecto que combina produción leiteira, servizos ao sector e elaboración e comercialización de xeados propios, con presenza en Galicia e tamén fóra das nosas fronteiras”.
Recolleu o galardón, dotado cunha placa conmemorativa e coa contía económica de 10.000 euros, José María Calo Faraldo, presidente da Cooperativa Agraria Provincial da Coruña, promotora de Bico de Xeado, que agradeceu a distinción e puxo en valor o que, ao seu xuízo, representa este recoñecemento: “Un respaldo ao compromiso da Cooperativa Agraria Provincial da Coruña co rural e, de xeito moi especial, coa cadea láctea”.
Segundo indicou, o Premio Aresa supón “unha mostra de apoio” ao traballo que realizan desde hai anos para contribuír a fortalecer o sector e seguir xerando actividade e valor no territorio. No seu discurso, Calo explicou que a innovación continúa a ser a folla de ruta da entidade, tanto no ámbito produtivo como na transformación e na comercialización. Así, referiuse á aposta por avanzar nas granxas “desde a raza, a xenética e o manexo”, e tamén ao desenvolvemento do proxecto Bico de Xeado, que “transforma o leite en produtos elaborados e os leva ao mercado a través de diferentes canles, desde tendas propias e franquiciados ata a restauración”.
Ao mesmo tempo, quixo subliñar que ese camiño non se constrúe en solitario. Para o presidente da cooperativa, a innovación é o rumbo, pero só é posible se vai acompañada de equipos implicados e dunha visión compartida. Nesa liña, afirmou: “Innovar é o camiño, pero só se pode percorrer con compañeiros comprometidos e que compartan un propósito común. Por eles e para eles é este premio que hoxe recollo”.
Concorrido acto
O acto reuniu no auditorio representantes dos ámbitos social, económico, institucional e do sector agrogandeiro e estivo presidido polo vicerreitor de Organización Académica e do Campus de Lugo, Francisco José Fraga López, quen estivo acompañado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez Rodríguez, e pola presidenta de Aresa, Carlota López Pardo. Tamén estiveron presentes o resto dos membros do xurado desta edición, a CEO de Granxa Campomayor, María García Busto, e o catedrático de Química Analítica da Universidade de Santiago de Compostela, Carlos Herrero Latorre.
O reitor da USC, Antonio López Díaz, nesta ocasión non puido acudir presencialmente ao acto, como viña sendo habitual nos últimos anos. No seu saúdo nunha peza audiovisual, López Díaz felicitou o premiado e puxo en valor “a súa aposta por saír abrir novos camiños para poñer en valor os produtos naturais da nosa terra cunha mensaxe de calidade coa que todos estamos de acordo”.
Agradeceulle tamén ao Grupo Aresa a confianza depositada na Universidade para “promover a melloría da calidade de vida das persoas que traballan no sector primario” e aproveitou a ocasión para renovar os votos de que “esta colaboración se continúe manifestando en exercicios futuros”.
Pola súa banda, o vicerreitor de Organización Académica e do Campus de Lugo, Francisco José Fraga López, lembrou unha vez máis o sentido do Premio Aresa como “un espazo para visibilizar proxectos que fan de Galicia un referente de calidade, innovación e compromiso coa terra”. Do premiado remarcou que “encaixa á perfección no espírito do Premio, ao engadir valor aos produtos galegos, xerar emprego e contribuír a fixar poboación no territorio, sen perder as raíces e mantendo unha aposta decidida pola calidade”.
En nome do xurado, Fraga felicitou ao equipo da marca “polo traballo diario para ofrecer o máximo nivel ao consumidor” e tivo tamén palabras de recoñecemento para todas as candidaturas presentadas nesta edición, ás que animou a continuar impulsando proxectos innovadores e a concorrer en futuras convocatorias.
Conferencia maxistral
Na cerimonia, o CEO de Medrar, Hugo Criado Otero, impartiu a conferencia maxistral titulada ‘Galicia: gandería, pesca e forestal’, na que puxo o foco na relevancia do sector primario galego dentro da comunidade e destacou a existencia dun “polo lácteo único no mundo nun radio de 60 quilómetros con epicentro en Vilalba, onde conviven algunhas das mellores ganderías de Europa, industrias lácteas multinacionais, queixerías, denominacións de orixe de queixos artesáns, o Campus Terra, unha granxa experimental, empresas tecnolóxicas e auxiliares do sector”.
Criado subliñou que o sector atravesa un momento de cambio, como o conxunto da sociedade, e apelou a “recuperar o orgullo de pertenza para tomar conciencia da posición privilexiada de Galicia á hora de xerar riqueza no que mellor sabemos facer: a gandería, a pesca e o forestal”.
Defensa do sector
Pola súa banda, a presidenta do Grupo Aresa, Carlota López Pardo, lembrou que o Premio Aresa celebra a súa vixésimo sexta edición e destacou, un ano máis, “a elevada asistencia ao acto como mostra do interese que esperta todo o relacionado co rural galego”. Subliñou o papel esencial de agricultores e gandeiros, así como de todas as persoas que co seu traballo “manteñen vivo un ecosistema estratéxico”, cuxo valor para a sociedade, segundo apuntou, “non sempre se percibe na súa verdadeira dimensión”.
López Pardo sinalou tamén a evolución vivida no campo galego ao longo destes 26 anos e puxo o foco nun dos obxectivos principais coa creación do galardón: “Contribuír a que se falase máis do sector agrogandeiro”. Nese senso, afirmou que, na actualidade, “os medios de comunicación recollen con maior intensidade a importancia do rural para o presente e o futuro”, pero insistiu en que “é fundamental que as demandas de agricultores e gandeiros cheguen a quen toma decisións que condicionan a competitividade do sector”.
A presidenta de Aresa recoñeceu que existen normativas necesarias para garantir a calidade e a seguridade dos alimentos, así como o benestar animal, e amosou satisfacción polo nivel de cumprimento en Galicia. Con todo, advertiu de que “esas esixencias deben aplicarse por igual a todos os produtores, tanto dentro como fóra da Unión Europea”. Ademais, puxo o acento na burocracia como un risco cando “ medra de maneira incontrolada, afastada da realidade diaria do campo”. Ao seu xuízo, “pode restar eficiencia, lastrar o traballo e dificultar que as explotacións sigan innovando e mellorando a súa economía”.
Nese marco situou o sentido do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural: “Poñer en valor iniciativas que contribúen á mellora da economía rural e que demostran o gran presente e futuro do rural galego”.
Tras mencionar as candidaturas presentadas nesta edición, felicitou ao premiado, Bico de Xeado, como “exemplo de cooperativa que soubo dignificar e fortalecer o traballo nas explotacións gandeiras e, ao mesmo tempo, poñer en valor a súa produción de leite a través dunha marca asociada á calidade e á aposta polo produto local”. Destacou, ademais, o seu crecemento con presenza en toda a xeografía española e o potencial para seguir medrando mentres prestan servizos técnicos e de asesoramento aos socios, contribúen a facer rendibles as granxas e xeran emprego no rural.
Por último, Carlota López Pardo agradeceu a participación na gala do conferenciante, Hugo Criado Otero, así como a colaboración dos membros do xurado, María García Busto e Carlos Herrero Latorre. Tivo tamén palabras de recoñecemento para o reitor, Antonio López Díaz, e para o vicerreitor, Francisco José Fraga López, que “darán pronto o relevo á fronte da Universidade e mantiveron sempre un cariño especial con este Premio”. Finalmente, dedicou unhas palabras tamén á conselleira do Medio Rural pola “súa implicación co sector e co Premio”, e para todas as persoas asistentes polo seu apoio continuado.
Un premio que marca rumbo para o rural
No tramo final da gala interveu a conselleira do Medio Rural, María José Gómez Rodríguez, sinalando que o Premio Aresa vai máis alá de recoñecer unha traxectoria, xa que distingue tamén unha maneira de entender e traballar polo rural.
Gómez Rodríguez subliñou que “o premio é un referente do sector agrogandeiro galego e que marca rumbo cara a un rural rendible, sostible, innovador e con futuro, baseado na colaboración entre tres piares: o sector primario, a industria e a universidade e investigación”. Así, afirmou que Bico de Xeado exemplifica ese camiño, “ao apostar por innovar e transformar leite nun produto de alto valor, creando marca, emprego e vencello co territorio”, e felicitou ao equipo premiado como exemplo do futuro que se quere para o rural galego.