Ir o contido principal
STG

A biodiversidade, unha nova oportunidade para o Campus de Lugo

Solo degradado da serra do Xurés
Solo degradado da serra do Xurés
A declaración da ONU da Década da Restauración dos Ecosistemas e as iniciativas europeas ‘Da granxa á mesa’ e ‘Biodiversidade horizonte 2030’ auspician novas nichos de emprego arredor da restauración de solos, enerxías renovables e a conservación da natureza, sinalan os investigadores da USC José Carlos Otero e Agustín Merino
Lugo, Santiago de Compostela

As novas estratexias internacionais a prol da restauración dos solos e da protección da biodiversidade que veñen de activar organismos interacionais, tales como a ONU ou a propia UE, constitúen unha gran oportunidade para a USC e nomeadamente para o seu Campus de Lugo, tal e como subliñan os coordinadores dos programas de doutoramento da USC en Biodiversidade e Conservación do Medio Natural e Ciencias Agrícolas e Medioambientais da USC, José Carlos Otero e Agustín Merino, respectivamente.

O ano 2020 está a ser testemuña do fracaso do Plan Estratéxico para a Diversidade Biolóxica 2011-2020 e as Metas de Aichi, así como a Década da Biodiversidade, salientan Otero e Merino. Fronte á cruda realidade que fixo máis visible a pandemia provocada pola COVID-19, estes investigadores da USC aplauden a iniciativa a través da que a ONU declara o actual decenio como a Década da Restauración dos Ecosistemas, e as iniciativas ‘Da granxa á mesa’ e ‘Biodiversidade horizonte 2030’, coas que a UE pretende facer fronte á actual destrución dos hábitats naturais e á extinción a miles de especies.

Estas estratexias fanse eco de varias mensaxes críticas sobre o medio ambiente, tal e como é a estreita relación existente entre a saúde humana e a dos ecosistemas. Daquela, a UE lembra nun documento que a metade o PIB global depende da natureza e dos servizos que esta prové, polo que defende que investir en protexer a natureza permitirá identificar novos nichos de emprego. Doutra banda, dado que a biodiversidade actúa como garante da seguridade alimentaria incluso na actual conxuntura de cambio climático, a UE procura coa estratexia ‘Da granxa á mesa’ facilitar a transición cara a un sistema alimentario sustentable que garanta o acceso a dietas saudables.

Estas accións, precisan Otero e Merino, impulsan unha rede transeuropea para protexer ecosistemas de valor ecolóxico. A través deste novo marco legal promóvese a restauración de terreos degradados tanto terrestres como mariños, amplíase a superficie de terreos agrícolas destinada a cultivos de alto valor ecolóxico e fíxase no 25% a superficie de terreos agrícolas xestionada segundo principios da agricultura orgánica. A recuperación da diversidade xenética das especies de cultivo e o freo de especies invasoras son outras actuacións nesta liña.

A restauración dos solos, agrícolas e forestais, será por vez primeira, obxecto de especial atención, sinalan Otero e Merino, que cifran en 25.000 quilómetros, os treitos de cursos de agua que se restaurarán ata 2030, xa a través da redución de fertilizantes sintéticos e pesticidas xa con outras medidas orientadas a mitigar a contaminación. O cumplimento destes obxectivos fai pensar na aparición de novas oportunidades de negocio ao redor das accións de restauración, enerxías renovables e conservación da natureza, así como estratexias para pór en valor os produtos e materias primas xerados a través dunha xestión respectuosa co medio ambiente e a saúde dos cidadáns, relatan.

Análise sobre o estado da biodiversidade

A crise provocada pola pandemia de coronavirus demostrou o vulnerabilidade do ser humano e a importancia de restablecer o equilibrio coa natureza. Daquela, a biodiversidade está no núcleo da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sustentable. A estratexia aprobada pola ONU en pleno auxe da pandemia, subliña que a perda de biodiverisdade poderían aumentar os casos de zoonosis, ao tempo que destaca a súa conservación como ferramenta de protección.

A acción humana ten un efecto devastador sobre a diversidade das especies e a taxa de extincións producidas polo home está a acelerarse. Os signos profundamente preocupantes das actividades humanas inclúen aumentos sostidos nas poboacións de gando doméstico, produción de carne per cápita, produto interno bruto mundial, perda global da cuberta arbórea, consumo de combustible fósil, cantidade de pasaxeiros aéreos transportados, emisións de dióxido de carbono (CO2), e as emisións per cápita de CO2 desde o ano 2000. Predíse que o cambio climático afectará en gran medida á vida mariña, de auga doce e terrestre, desde o plancto e as corais até os peixes e os bosques.

A alteración do ciclo hidrolóxico e a escaseza da dispoñibilidade de auga será prexudicial para os humanos, lembran os investigadores da USC, que apuntan como sinais inequívocos a merma das capturas da pesca mariña, a acentuada deforestación das selvas tropicais e o conseguinte risco de extinción de especies, cuxa desaparicion podería chegar en 2100 a un terzo das existentes na actualidade.

A biodiversidade do mundo está a desaparecer a un ritmo alarmante e as poboacións de  vertebrados están a colapsarse rapidamente, conclúen os investigadores da USC, que lembran que os peixes, anfibios, réptiles, aves e mamíferos mundiais diminuíron nun 58% entre 1970 e 2012. As poboacións de auga doce, mariñas e terrestres diminuíron nun 81, 36 e 35% respectivamente neste período, sinalan para logo advertir que até agora só o declive da poboación de abellas recibiu unha atención pública xeneralizada, en gran medida debido ao seu papel na polinización de cultivos alimentarios.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.06.2020.