Ir o contido principal
STG

BioReDes promove o debate de temas científicos e de impacto social no campus de Lugo co programa ‘Xantares Biocientíficos’

Logo da agrupación estratéxica BioReDes do Campus Terra da USC
Logo da agrupación estratéxica BioReDes do Campus Terra da USC
O investigador do Centro de Investigacións Mariñas Antonio Villalba, abre o venres, ás 13.00 horas, este seminario no Cactus cun relatorio sobre patoloxías e moluscos

A agrupación estratéxica de investigación do Campus Terra da USC Xestión e Produción Sostible de Bio-recursos (BioReDes) promove o debate arredor de temas científicos e de impacto social no campus de Lugo a través do programa ‘Xantares Biocentíficos’, unha iniciativa concibida como espazo regular de iteración acaído para dar visibilidade a cuestións científicas de especial interese polo seu impacto social, económico e ambiental, así como polo seu nivel de innovación.

Este seminario de divulgación científica impulsado por BioReDes nace con vocación de periodicidade mensual e presenta unha estrutura dinámica e divulgativa, dado que aspira a converterse dun foro aberto e accesible á cidadanía e, nomeadamente, a investigadores non especialistas na temática. Daquela, as sesións programadas no marco deste ciclo comezarán cun relatorio curto, cunha duración aproximada de 30 minutos, a cargo dun investigador convidado o de calquera membro da agrupación, tralo que se abrirá un debate. O obxecto último desta actividade non é outro que o de construír un espazo informal de análise e intercambio de ideas e coñecementos que sirva de alicerce para futuras colaboracións.

O grupo de traballo de divulgación e formación da agrupación estratéxica BioReDes do Campus Terra da USC, un equipo do que forman parte seis profesores e investigadores da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e da Facultade de Veterinaria do campus de Lugo, salientan asemade que os encontros promovidos ao abeiro dos ‘Xantares Biocentíficos’ antóllanse como foros acaídos para complementar a formación de investigadores novos e persoas que están a comezar a súa carreira investigadora.

O investigador e coordinador da área de Patoloxía do Centro de Investigacións Mariñas, Antonio Villalba, abrirá o venres 5 de abril, a partir das 13.00 horas, no edificio Cactus do campus de Lugo, a quenda de intervencións dos ‘Xantares Biocentíficos’, co relatorio ‘Globalización e patoloxías na produción de moluscos: cancro contaxioso e marteiliosis’.

Unha vez rematada a sesión e o posterior debate arredor da temática abordada, todos os participantes poderán compartir un xantar lixeiro. A participación nas sesións programadas ao abeiro dos ‘Xantares Biocentíficos’, encontros que se desenvolverán previsiblemente o primeiro ou segundo venres de cada mes, son de acceso libre e de balde e están abertas a todas as persoas interesadas, que tamén poden suxerir temas para a análise e o debate.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.04.2019.