Ir o contido principal
STG

Boa acollida do máster oficial en Desenvolvemento Económico e Innovación

O Máster oficial en Desenvolvemento Económico e Innovación, ofertado na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais para o curso 2009-2010, está a recibir unha exitosa acollida entre os alumnos. Aínda así, dispón dalgunhas prazas libres das que as persoas interesadas aínda se poden matricular ata o próximo 15 de outubro. Contémplase a modalidade de matrícula a tempo parcial para os profesionais que acrediten estar traballando.
O obxectivo deste Máster consiste en proporcionar unha formación avanzada, de carácter especializado e multidisciplinar, no ámbito do desenvolvemento económico e da innovación. Consta de 60 créditos ECTs, ofertando dúas especialidades, unha orientada ao desenvolvemento rexional e local e outra orientada á dirección e xestión da I+D e a innovación en institucións públicas e empresas así como ao deseño e avaliación das políticas públicas neses ámbitos.
Esta titulación de posgrao poderá ter continuación no ámbito académico-profesional ou na esfera investigadora, co obxectivo de realizar unha tese de doutoramento e acadar o título de doutor. No caso da orientación profesional se contempla a realización de prácticas en empresas e institucións.
As principais saídas profesionais son a consultoría especializada en materia de xestión da innovación, e en desenvolvemento rexional e local; a dirección e xestión de departamentos de I+D en empresas; a xestión de políticas e programas de I+D en institucións públicas ou a xestión de proxectos e grupos de investigación en Universidades, centros tecnolóxicos e en empresa.
Este Máster, que está coordinado polo catedrático de Economía Aplicada e director do grupo de investigación ICEDE Xavier Vence, contará coa participación de profesorado da USC pertencente a diversas áreas (Economía Aplicada, Economía Financeira e Contabilidade, Organización de Empresas e Comercialización, Dereito Mercantil, Enxeñaría Química, Bioquímica e Bioloxía Molecular, …). Tamén impartirán docencia os máis prestixiosos especialistas na materia procedentes das principais universidades galegas, españolas e europeas, así como doutros organismos e institucións.
Esta nova titulación está dirixida a un amplo abano de titulacións, entre as que destacan Economía, Administración e Dirección de Empresas, Ciencias Políticas, Socioloxía, Dereito, Enxeñerías ou Ciencias Experimentais, entre moitas outras. Para acadar máis información sobre este Máster, as persoas interesadas poden obterse a páxina web http://www.usc.es/icede/.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.10.2009.