Ir o contido principal
STG

Bota a andar a actividade do IPsiUS, nova estrutura de coordinación e colaboración na investigación en Psicoloxía

Foto de familia cos integrantes do novo centro, algúns dos cales asistiron á xuntanza de xeito virtual
Foto de familia cos integrantes do novo centro, algúns dos cales asistiron á xuntanza de xeito virtual
O novo instituto da USC, dirixido pola catedrática Isabel Fraga Carou, acaba de constituír o seu Consello Científico
Santiago de Compostela

A reunión constitutiva do seu Consello Científico serviu esta semana como punto de partida para o inicio da actividade do Instituto de Psicoloxía da USC (IPsiUS), nova estrutura de coordinación e colaboración na investigación básica e aplicada en Psicoloxía. A estratexia científica do IPsiUS afronta dende o seu nacemento en 2024 tres retos fundamentais: promover saúde e benestar; desenvolver sociedades inclusivas e diversas; e contribuír á sociedade dixital e á sustentabilidade. Ademais, abrangue campos que van dende o fomento do envellecemento saudable, ata as ferramentas dixitais para a intervención psicolóxica, pasando pola atención á vulnerabilidade psicosocial e a resiliencia, entre outras “firmemente orientadas ao benestar das persoas e as comunidades”, destaca a súa directora e catedrática da área de Psicoloxía Básica da USC, Isabel Fraga Carou.

O Consello Científico do IPsiUS atópase integrado, ademais de pola directora do Instituto, por Coqui Rodríguez Holguín (secretaria), Mónica Alzate García, Elisardo Becoña Iglesias, Luis Jiménez García, Arturo X. Pereiro Rozas, Estrella Romero Triñanes, Montserrat Zurrón Ocio e Laura López Romero. Entre as funcións deste órgano que acaba de botar a andar, atópanse as de programar as actividades científicas, docentes e de asesoramento técnico do Instituto e vixiar a súa realización.

Estratexia


A estratexia do IPsiUS para o período 2024-2027 estrutúrase en catro eixes: Desenvolvemento institucional, Investigación, Talento e Transferencia. “Na etapa de lanzamento dun novo centro de investigación é prioritario asentar a creación e funcionamento das estruturas de goberno e xestión responsables de tomar as decisións estratéxicas e operativas para avanzar no cumprimento da súa misión e visión”, explica a profesora Fraga. Así mesmo, outra prioridade para o desenvolvemento do Instituto será despregar unha axenda aliñada cos principais retos sociais e de política científica estatal e internacional. “Preténdese desempeñar unha investigación de excelencia, que, conxuntando perspectivas básicas e aplicadas, e beneficiándose das sinerxías e logros previos dos grupos que compoñen o instituto, poida incrementar a súa potencialidade e o seu impacto científico e social”, relata a directora do Instituto de Psicoloxía.

A aspiración do IPsiUS é crear tamén unha contorna atractiva para o desenvolvemento dunha carreira investigadora, que sitúe o instituto como “referencia na promoción do talento científico”. Esta meta engloba a promoción da equidade de xénero: visibilidade, conciliación, ou inclusión da perspectiva de xénero na actividade investigadora, entre outros aspectos. Finalmente, as liñas de traballo a desenvolver no instituto presentan un amplo potencial de transferencia e innovación, en termos de xeración de servizos, produtos e ferramentas de avaliación e intervención susceptibles de ser utilizados por profesionais de distintos ámbitos, e de mellorar as actuacións das administracións en desafíos sociais de primeira orde como o envellecemento, saúde mental, adiccións, violencia, ou inclusión social. “Os grupos que compoñen o instituto teñen xa experiencia nesa translación da investigación á sociedade, a través de convenios e contratos, acordos de licenza de comercialización de produtos, servizos asistenciais, formación e asesoramento de profesionais”, explica a profesora Fraga. Esta experiencia é un punto de partida que pretende reforzarse co traballo conxunto do centro, facendo da transferencia un piar esencial para que a ciencia xerada no instituto, ademais dunha alta calidade, desenvolva toda a súa capacidade para dar resposta ás necesidades da contorna.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.07.2024.