Ir o contido principal
STG

‘Caídas’ de Montserrat Fajardo logra o premio Xohana Torres que será publicado por Edicións USC

Marta Pérez Pereiro, Montserrat Fajardo e Goretti Sanmartín
Marta Pérez Pereiro, Montserrat Fajardo e Goretti Sanmartín
O ditame do xurado no que participou a delegada do reitor para a Igualdade, Marta Pérez Pereiro, deuse a coñecer este venres 8 no acto institucional co que o Concello de Santiago, promotor do certame, conmemora o Día Internacional das Mulleres

Edicións USC será a encargada de publicar a obra gañadora do certame Xohana Torres 2024, na súa modalidade de ensaio/investigación, que este ano recaeu na obra Caídas de Montserrat Fajardo sobre "o Patronato, unha organización descoñecida para o público en xeral" que contribúe a "visibilizar todas as violencias terribles". O ditame do xurado no que participa a delegada do reitor para a Igualdade, Marta Pérez Pereiro, deuse a coñecer este venres 8 no acto institucional co que o Concello de Santiago, promotor do certame, conmemora o Día Internacional das Mulleres.

A cerimonia de entrega foi conducida pola alcaldesa Goretti Sanmartín e contou coa presenza dunha nutrida representación da Corporación municipal e dos membros do xurado. A traballadora do CIM María Jesús Taboada, en calidade de secretaria, foi a encargada de ler a acta do xurado na que se destaca a calidade literaria da obra, así como a súa “orixinalidade, relevancia histórica e social así como o interese actual da súa temática".

O xurado estivo composto pola propia alcaldesa Goretti Samartín e Marta Pérez Pereiro; así como polas profesoras da USC Marta Rodríguez, Yolanda Martínez, Ana Cabana, Beatriz Busto, Patricia Alonso e María Pilar Cagiao. A autora agradeceu o premio e dedicoullo "a todas as mulleres que pasaron polo Patronato que é unha das institucións máis represoras que tivo o franquismo, e porén foi unha das máis descoñecidas".

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.03.2024.