A campaña 'Deixa o fume fóra' da USC atendeu a catrocentas persoas dende 2006

A campaña ‘Deixa o fume fóra’ coordinada pola Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC iniciouse en xaneiro de 2006 coincidindo coa entrada en vigor da Lei de medidas sanitarias fronte ao tabaquismo e reguladora da venda, a subministración, o consumo e a publicidade dos produtos de tabaco.
Dende a súa posta en marcha, 377 persoas se achegaron ata as diferentes unidades de deshabituación tabáquica que existen nos campus de Santiago e Lugo para solicitar información da campaña. De todas elas, 208 iniciaron algún tipo de tratamento.
En particular, en 2008 mostraron curiosidade sobre o tratamento para deixar de fumar un total de 96 persoas, entre estudantes, PDI e PAS, das que decidiron tratarse 74, 28 delas estudantes. Dos tratamentos, que poden levarse a cabo individualmente ou en grupo, un 88% desenvolvéronse individualmente.
A iniciativa promovérona a directora do Servizo de Vixilancia da Saúde Mari Carmen Pardiñas e os profesores da USC Elisardo Becoña, da Unidade de Tabaquismo da Facultade de Psicoloxía, e Agustín Montes, do Departamento de Psiquiatría, Radioloxía e Saúde Pública.
Avaliacións de COPara divulgar esta campaña, os estudantes da USC que son bolseiros de sostibilidade nos centros docentes (bolsas SPIU convocadas conxuntamente entre a Oficina de Participación e Integración Universitaria e a Oficina de Desenvolvemento Sostible) realizan periodicamente avaliacións voluntarias de CO no aire expirado.