Ir o contido principal
STG

Os tres campus galegos de especialización avanzan no aproveitamento de sinerxías no ámbito da investigación

Foto de grupo da xuntanza en Ferrol. Foto: Xunta de Galicia
Foto de grupo da xuntanza en Ferrol. Foto: Xunta de Galicia
Na reunión de traballo en Ferrol participou a delegada do reitor para o Campus Terra, Elvira López
Lugo

Avanzar na cooperación mutua e no intercambio de estratexias co fin de aproveitar ao máximo as súas potencialidades foi a finalidade da xuntanza de traballo entre os tres campus de especialización acreditados do Sistema Universitario de Galicia - o Campus Terra de Lugo, o Campus Industrial de Ferrol e o Campus Auga de Ourense – e a Xunta de Galicia que tivo lugar en Ferrol.

Na reunión participou a delegada do reitor para o Campus Terra, Elvira López; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díaz; a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social da UDC, Ana Ares; o director do Campus Industrial de Ferrol, Marcos Míguez; o vicerreitor do Campus de Ourense, Javier Rodríguez; e o director do Campus Auga, Roberto Fernández.

O encontro tiña por obxecto pór en común os proxectos que se están a desenvolver en cada un destes tres campus de especialización e definir unha folla de ruta de cara ao futuro. Trátase pois de avanzar na proposta de accións conxuntas que permitan sumar capacidades e xerar novas sinerxías no eido da investigación. A través desta cooperación, a Xunta de Galicia buscar reforzar o papel dos campus non centrais, potenciar as súas fortalezas e consolidalos como referentes en campos estratéxicos, contribuíndo ao fortalecemento do sistema universitario galego.

Ao seu remate, achegáronse ata o Centro de Investigacións en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) onde foron recibidos polo seus directores, Armando Yáñez e Francisco González. Aproveitaron a ocasión para visitar, entre outros, os Laboratorio de Propiedades Térmicas e Reolóxicas de Materiais, o Laboratorio de Polímeros, o Laboratorio de Mecánica de Fluídos ou o Canal de Ensaios Hidrodinámicos.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.02.2026.