Ir o contido principal
STG

O Campus de Lugo amplía a súa oferta deportiva coas actividades ‘Strong Nation’ e ‘Tabata’

Imaxe de arquivo dunha actividade deportiva na USC. FOTO: Santi Alvite
Imaxe de arquivo dunha actividade deportiva na USC. FOTO: Santi Alvite
Ambos os programas desenvolverán sesións de portas abertas os días 15 e 17 de outubro

Strong Nation’ e ‘Tabata’ son as novas actividades que promove a Área Deportiva da USC no Campus de Lugo, cunha vintena de prazas ofertadas, respectivamente. A primeira delas desenvolverase os martes e xoves, de 13.00 a 14.00 horas, mentres que ‘Tabata’ terá lugar, tamén os martes e os xoves, pero de 19.00 a 20.00 horas. Ambos os programas levaranse a cabo na Sala de Deporte da Facultade de Veterinaria e as sesións do 15 e 17 de outubro serán de portas abertas. Ademais, no conxunto da programación deportiva do Campus, aínda quedan prazas libres en pilates.

‘Tabata’ implica un tipo de adestramento en intervalos de alta intensidade que consiste en combinar períodos de 20 segundos de exercicio intenso seguidos de 10 segundos de descanso, repetindo este ciclo varias veces en consonancia co nivel das persoas participantes. A sesión principal estará precedida por un quecemento e finalizará con estiramentos para garantir a adaptación e recuperación do organismo pre e post adestramento. Os obxectivos xerais son incrementar o volume muscular a través do desenvolvemento da forza; aumentar as capacidades aeróbica e anaeróbica; mellorar a coordinación; optimizar a resistencia cardiorrespiratoria; queimar calorías e reducir o volumen de graxa corporal; equilibrar os niveis de dopamina e serotonina, favorecendo o benestar mental; e reducir os estados de ansiedade e estrés.

Pola súa parte, ‘Strong Nation’ é un adestramento cuxos movementos están sincronizados coa música. Os obxectivos desta actividade na USC baséanse en coñecer as diferentes posibilidades que permite esta actividade; fundamentar os beneficios que xera esta práctica na saúde das persoas; e en aceptar a participación de todas as persoas sen ningún tipo de discriminación.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.10.2024.