Ir o contido principal
STG

O Campus Terra convoca 6 contratos predoutorais para impulsar a I+D nos seus ámbitos de especialización

Vista aérea do campus de Lugo. Foto: Santi Alvite
Vista aérea do campus de Lugo. Foto: Santi Alvite
As persoas interesadas en concorrer a este programa de fomento e estabilización da carreira investigadora que recibe financiamento da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, poden formalizar as súas solicitudes na sede electrónica da USC ata o 27 de marzo. A duración dos contratos é de tres anos e as persoas beneficiarias poderán optar a unha axuda engadida de 4.000 euros para completar estadías de tres meses
Lugo, Santiago de Compostela

A USC mantén aberta ata o 27 de marzo de 2023 a convocatoria de 6 contratos de investigación predoutoral para o campus de especialización Campus Terra ao abeiro do convenio asinado coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, segundo se recolle na resolución reitoral publicada o 6 de marzo no Taboleiro de anuncios da USC, na que se indica que a contía global da disposición orzamentaria para a presente convocatoria ascende a 131.262 euros.

O obxectivo destas convocatorias, que se desenvolverán en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade, pasa por promover a formación de investigadores predoutorais que realicen unha tese doutoral na USC sobre unha temática relacionada con calquera dos eixos científicos vinculados ao Campus Terra da USC: Produción vexetal e agricultura sostible, produción e saúde animal, alimentación segura e saudable, xestión forestal sostible, tecnoloxías facilitadas ómicas e TICs, cambio climático ou biodiversidade e infraestruturas verdes, One Health (concepto unha única saúde) e historia e cultura no mundo rural.

Os seis contratos de investigación predoutoral incluídos nesta convocatoria e cuxas bases están accesibles no taboleiro de anuncios da sede electrónica da USC, van dirixidos a persoas que a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes estean en posesión dun títitulo oficial español de grao ou equivalente, e de mestrado universitario ou equivalente, sempre que se superaran, polo menos, 300 créditos ECTS no conxunto das dúas ensinanzas e que obtiveran o seu título en data igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2018. A duración destes contratos predoutorias será de 3 anos, aínda que poderán prorrogarse unha anualidade máis de existir dispoñibilidade orzamentaria.

As persoas beneficiarias poderán optar asemade a unha axuda única adicional por importe de 4.000 euros para completar estadías cunha duración de tres meses. Estas estadías deberán realizarse durante o segundo ano de vixencia do contrato co obxectivo de realizar actividades beneficiosas para mellorar a súa formación e impulsar o desenvolvemento da súa tese, así como completar e afianzar a formación investigadora adquirida.

O persoal investigador contratado ao abeiro desta convocatoria deberá estar matriculado nun programa de doutoramento da USC e poderá colaborar en tarefas docentes ata un máximo de 60 horas anuais, a petición propia e co informe favorable do director ou directora de tese e a autorización do departamento correspondente.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.05.2023.