Carlos Franco, único galego no comité científico da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición
O catedrático da área de Nutrición e Bromatoloxía da USC na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo e directivo da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia Carlos M. Franco Abuín vén de ser nomeado por outros dous anos como integrante do comité científico da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (Aesan), o órgano de avaliación de riscos da citada axencia ao que accedeu por vez primeira en 2019 e que atopa entra as súas funcións a de proporcionar ditames científicos en materia de seguridade alimentaria e nutrición.
Franco Abuín, que na actualidade é o único representante de Galicia no comité científico da Aesan, salientou o importante cometido que desenvolve este órgano, cuxa actividade ten unha notable repercusión na sociedade, dado que se responsabiliza da elaboración de múltiples informes cos que se definen e coordinan ámbitos de actividades produtivas e de I+D. Outra das dimensións non menores do traballo desenvolvido polas persoas que integran o comité científico da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición atinxe a advertir e identificar riscos alimentarios emerxentes.
As liñas de investigación do tamén director do Departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía da USC céntranse na detección e determinación de bacterias patóxenas en alimentos, así como na mellora da tecnoloxía analítica para a detección de micotoxinas e residuos en alimentos de orixe animal.
Outras das orientación da I+D+i na que participa Franco Abuín están ligadas ao emprego de novas estratexias a nivel molecular para detectar contaminantes e substancias procedentes do seu uso en produción animal e sobre a caracterización do mecanismo de formación de biofilms.
O perfil especializado que de Franco Abuín propiciou que este lugués tivera que coordinar durante a súa primeira etapa no comité científico da Aesan algúns informes sobre regulamentos e ferramentas de funcionamento en matadoiros ou sobre os efectos do cambio climático na posible toxicidade de alimentos. Outras das cuestións para as que se require a colaboración do comité científico da Aesan, un órgano formado por 20 membros cuxa composición se renova cada dous anos en convocatoria pública atendendo a criterios de capacidade e mérito, garda relación cos procesos empregados para a desinfección de alimentos, o secado de peixe ao aire ou mesmo respecto dos potenciais riscos saudables que agocha o emprego de paneis de fibra de densidade media (MDF) nas caixas de froitas e verduras.