Ir o contido principal
STG

Carlos Taibo falará o luns en Humanidades da defensa do decrecemento no IX Curso de Primavera da USC

O relatorio do profesor de Ciencia Política e da Administración da Autónoma de Madrid pechará a segunda xornada do foro ‘A crise de Occidente, unha visión multidisciplinar'

O profesor de Ciencia Política e da Administración da Universidade Autónoma de Madrid Carlos Taibo ofrecerá o vindeiro luns, día 20 de maio, a partir das 20.00 horas, no salón de actos da Facultade de Humanidades do campus de Lugo, un relatorio baixo o título ‘En defensa do decrecemento’ .

A intervención de Taibo servirá de colofón á segunda xornada do IX Curso de Primavera da Universidade de Santiago, un seminario coordinado polo catedrático de Antropoloxía Social da USC, Xaquín Rodríguez Campos, que aborda a temática da crise de Occidente desde unha perspectiva multidisciplinar e que chegará ao seu fin o vindeiro 17 de xuño cun relatorio a cargo do ex dirixente da Unesco Federico Mayor Zaragoza, que falará sobre educación, cultura da paz e dereitos humanos no século XXI. A segunda xornada do IX Curso de Primavera da USC, un foro aberto de debate e reflexión eu botou a andar o pasado día 8 de maio e cuxo desenvolvemento tivo que ser interrompido por mor da convocatoria dunha folga xeral do ensino, comezará o luns, a partir das 10.30 horas, no salón de actos da Facultade de Humanidades cun relatorio a cargo de Antonio Doval Adán, profesor de Xeografía Humana da USC, que disertará sobre integración rexional e nacionalismos na Europa do século XXI. ‘Crise do Estado, crise da sociedade: distintas perspectivas sobre o mundo antigo’ é o título do relatorio que ofrecerá neste ciclo a profesora de Historia Antiga da USC María Dolores Dopico Caínzos. Logo da súa intervención, a profesora de Antropoloxía Social na Facultade de Humanidades de Lugo, Elena Freire Paz, falará da problemática da crise alimentaria e dos seus efectos.

Xa en quenda de tarde, a crise e rehabilitación do suxeito na teoría psicanalítica será o eixe temático do relatorio do profesor de Filosofía da USC Francisco Conde Soto, a quen sucederá no uso da palabra a investigadora de Historia Contemporánea Alba Díaz Geada, que abordará o declive no mundo rural galego no século XXI. Unha visión máis optimista será a que trate de achegar ao público a tamén profesora de Filosofía Moral da USC Beatriz Fernández Herrero, que ofrecerá un relatorio baixo o título ‘Mundos posibles: utopía para os tempos de crises’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.05.2013.