O último Cartafol Dixital da USC explica unha nova aplicación informática que permite traducir textos ao galego de balde
O número 34 d’O Cartafol Dixital da USC xa está dispoñible a través da rede. Nesta edición da publicación electrónica destacan temas como as axudas para realizar os traballos de investigación en galego, os premios á calidade e á excelencia lingüística nos traballos académicos do alumnado de 1º e 2º ciclo ou a nova aplicación informática ‘Traducíndote’ que permite a través da rede pasar textos ao galego de balde.
Ademais de contar coas habituais seccións ‘Axenda’, ‘Ruxe-ruxe’ e ‘Arriba e abaixo’, O Cartafol tamén recolle o novo Plan de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña e o cambio de sede do Servizo de Normalización Lingüística da USC, que agora está na Casa dos Catedráticos do Campus Sur de Santiago.
Asemade, este número do boletín completa a súa información lembrando que o segundo navegador máis usado no ciberespacio, Firefox, xa está dispoñible en galego grazas ao traballo de voluntarios auspiciados pola iniciativa para software libre ‘Mancomun’.
Destinado a toda a comunidade universitaria para dar a coñecer as iniciativas que xurdan a prol do galego, o Cartafol dixital é un boletín mensual de noticias sobre a lingua na Universidade de Santiago.