Ir o contido principal
STG

A cátedra ‘Alejo Carpentier’ da USC suma á súa biblioteca a obra ‘De Lezama Lima a Severo Sarduy: Lenguaje neobarroco en Cuba’

Ana Gloria Chouciño e, á dereita, Ana María González Maduf, en Humanidades
Ana Gloria Chouciño e, á dereita, Ana María González Maduf, en Humanidades
A académica da Lingua e coautora do ensaio sobre literatura cubana no século XX, Ana María González Maduf, ofreceu este xoves un relatorio na Facultade de Humanidades

A Cátedra de Cultura Cubana ‘Alejo Carpentier’ da USC vén de incorporar á súa biblioteca a obra ‘ De Lezama Lima a Severo Sarduy: Lenguaje neobarroco en Cuba’, un ensaio sobre o neobarroco na literatura cubana do século XX do que son coautores Ana María González Maduf e Luis Álvarez Álvarez, e que se presentou este xoves na Facultade de Humanidades no campus de Lugo no marco dunha sesión organizada pola Cátedra de Cultura Cubana ‘Alejo Carpentier’ da USC, que dirixe a profesora Ana Gloria Chouciño, e durante a que González Maduf ofreceu un relatorio baixo o título ‘Desde a Habana, palabras e piropos’.

O relatorio de González Maduf desenvólvese desde a esperanza, segundo indicou esta investigadora cubana, quen na súa intervención fixo referencias a contidos e ideas recollidos no seu último ensaio, un volume que eleva a 11 o número de publicacións incluídas na biblioteca da Cátedra de Cultura Cubana ‘Alejo Carpentier’, que edita o Servizo de Publicacións da USC. Contidos da nova publicación A análise do neobarroco como destacado compoñente da literatura cubana do século XX centra o cometido dos autores deste ensaio, no que Ana María González Maduf e Luis Álvarez investigan as características da poética neobarroca en grandes mestres de lingua castelá, tales como José Lezama Lima, Alejo Carpentier, Nicolás Guillé e Severo Sarduy. A investigación compilada por estes dous autores no libro ‘De Lezama Lima a Severo Sarduy’ está feita desde unha análise exhaustiva da actitude destes autores cubanos ante o idioma, a fin de establecer o xeito no que a postura neobarroca e a voluntariosa conciencia lingüística destes autores resultan inseparables nas súas obras. ‘De Lezama Lima a Severo Sarduy: Lenguaje neobarroco en Cuba’ é unha obra cun amplo recoñecemento internacional. En 2007 obtivo a Mención de Honra no IV Congreso Hispanoamericano de Ensaio René Uribe Ferrer, convocado pola Universidade Pontificia Bolivariana de Bogotá e o Instituto Cervantes de Madrid. En 2008, esta mesma obra foi finalista do Concurso Literario Frei Luis de León, convocado pola Consellería de Cultura e Turismo de Castela e León, e en 2010 acadou a primeira mención do Concurso Casa das Américas (Cuba).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.03.2015.