Ir o contido principal
STG

A Cátedra Bancaja da USC desenvolve en 2012 novas propostas para achegar o emprendemento aos estudantado

A Cátedra Bancaja da USC desenvolve en 2012 novas propostas para achegar o emprendemento aos estudantado
A Cátedra Bancaja da USC desenvolve en 2012 novas propostas para achegar o emprendemento aos estudantado

O programa de desenvolvemento do potencial emprendedor, un seminario sobre a posta en marcha de proxectos emprendedores, un ciclo de experiencias profesionais sobre o exercicio da profesión na empresa e visitas a empresas e viveiros e charlas con emprendedores son algunhas das actividades que a Cátedra Bancaja de Novos Emprendedores da USC desenvolverá neste primeiro semestre de 2012.

É un conxunto de iniciativas coas que se busca mellor a empregabilidade dos estudantes e apoiar a súa formación integral e das que deron conta en rolda de prensa este xoves 26 o reitor Juan Casares e a directora da Cátedra Bancaja da USC, Loreto Fernández. Todo o programa de actividades atópase agrupado dentro da Aula Novos Emprendedores, unha iniciativa destinada ao estudantado con espírito emprendedor que busca un complemento á súa formación técnica de cara a un futuro profesional dentro da empresa, segundo se puxo de manifesto na presentación, con especial atención ao desenvolvemento das habilidades sociais e directivas.

A Aula será obxecto a vindeira semana dunha presentación pública ao conxunto da comunidade universitaria. Será o mércores, 1 de febreiro, nun acto na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais no que intervirán o reitor e a decana deste centro, Emilia Vázquez Rozas, xunto aos que intervirán, nunha mesa de emprendedores, Iago Pazos e Marcos Cerqueiro de Abastos 2.0 e Carlos Fernández de Moonbite-games.

Potencial Emprendedor
Do abano de propostas que se ofrecerán ao conxunto do alumnado, o Programa de Desenvolvemento do Potencial Emprendedor representa a iniciativa nuclear. As actividades deste programa desenvolveranse dentro e fóra das aulas cunha metodoloxía de aprendizaxe a través da experiencia, baseada na propia vivencia dos participantes de situacións reais nas que aplicar as competencias traballadas. Os distintos módulos impartiranos profesionais da formación in-company e desenvolvemento de competencias sociais e directivas, así como expertos da área de recursos humanos e responsables de procesos de selección de persoal.

O Programa estenderase dende o 15 de febreiro ata o 27 de abril organizado en dous itinerarios, sobre ‘Competencias do intraemprendedor: integración do rol profesional’, entre o 15 de febreiro e o 16 de marzo cunha carga lectiva de 35 horas; e sobre ‘Competencias do emprendedor-promotor’, do 21 de marzo ao 27 de abril ao longo de 40 horas.

No seu desenvolvemento están involucradas entidades que traballan no ámbito do emprendemento como BIC Galicia, o Colexio de Economistas da Coruña, a Cámara de Comercio de Santiago, a Confederación de Empresarios de Lugo ou a Asociación para o Progreso da Dirección (APD). As persoas interesadas xa poden formalizar a súa preinscrición ata o 10 de febreiro. Debido á metodoloxía empregado, o número total de prazas está limitado a 30.

Outras actividades
Xunto esta, a Cátedra Bancaja da USC promoverá outras actividades destinadas a calquera persoa, pertenza ou non ao ámbito universitario, interesada no mundo do emprendemento, aínda que terán preferencia quen xa estea a participar en calquera outro dos programas de formación da Cátedra.

Así, está programado o seminario ‘Da idea á empresa: posta en marcha de proxectores emprendedores’, deseñado coa intención de sensibilizar e mentorizar aqueles proxectos que poden converterse en empresas, como unha vía para o fomento do autoemprego. É unha actividade pensada para estudantes de últimos anos de grao ou posgrao e titulados/as que teñan unha idea de proxecto empresarial e desexen convertela en realidade. O seminario terá unha duración de entre 15 e 25 horas cuxas datas de celebración se anunciarán coa suficiente antelación.

‘O exercicio na profesión na empresa’ é o lema que adoptará o ciclo de experiencias profesionais, unha proposta formativa que dará a coñecer as diversas traxectorias ou carreiras profesionais que poden desenvolverse dentro do ámbito do sector empresarial. Adoptará a forma dun ciclo de conferencias entre os meses de marzo e abril coa participación de empresarios e directivos que compartirán a súa experiencia particular.

Tamén está prevista a celebración de visitas a empresas e aos viveiros da Cámara de Comercio e da Confederación de Empresarios de Lugo e ao edificio Emprendia da USC, onde poderán participar nunha charla coloquio con spin-offs da Universidade compostelá.

Actividades paralelas
Organizadas por distintas entidades e institucións, os estudantes da USC poden participar de xeito gratuíto en diversas actividades de temática emprendedora e coherente cos obxectivos da Cátedra Bancaja. Entre elas, o Día do Emprendedor ou do Junior Empresario, o Forum Ciceron, as Xornadas da Asociación para o Progreso da Dirección, Woman in Business 3.0 ou a Xornada Emprende Compostela, entre outras.

Ligazóns relacionados:

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.01.2012.