Ir o contido principal
STG

A Cátedra do Camiño lanza a novena edición do seu premio de investigación sobre a ruta xacobea

Peregrinos ao remate do Camiño en Santiago de Compostela. Foto: Santi Alvite
Peregrinos ao remate do Camiño en Santiago de Compostela. Foto: Santi Alvite
O prazo de presentación de traballos rematará o 11 de maio

A Cátedra do Camiño de Santiago e as Peregrinacións da Universidade de Santiago, froito dun convenio con Turismo de Galicia e a Catedral de Santiago, impulsa a novena edición do seu premio de investigación.

O galardón diríxese ao persoal investigador de nacionalidade española ou estranxeira que teña publicado durante o ano 2025 un traballo en formato de libro de autoría individual ou colectiva, ou defendido unha tese de doutoramento, que tivera como tema de estudo o Camiño de Santiago ou as Peregrinacións.

Sendo condición indispensable que o traballo non teña obtido ningún premio anteriormente, outorgarase un único galardón en metálico de 3.000 euros para libros publicados con ISBN e teses de doutoramento inéditas. No caso de que houbera máis de un traballo premiado, o importe do premio repartirase en partes iguais para cada un deles.

As  persoas  interesadas deberán  presentar  a  súa  solicitude  na  sede  electrónica  da  Universidade. O prazo de presentación de candidaturas rematará o 11 de maio.

O xurado do presente premio estará formado polo director da cátedra e os dous co directores e, de estimarse oportuno, por ate dous asesores designados polo director da cátedra en función da lingua na que se presenten os textos. 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.03.2026.