Ir o contido principal
STG

O catedrático Antonio Rigueiro, premio Luís Porteiro Garea á promoción do uso do galego na USC

A entrega do premio, que  lembra a figura do profesor da Cátedra de Dereito Civil e membro das Irmandades da Fala Luís Porteiro Garea, terá lugar nun acto público que se desenvolverá na Universidade o día 16 de setembro de 2021
A entrega do premio, que lembra a figura do profesor da Cátedra de Dereito Civil e membro das Irmandades da Fala Luís Porteiro Garea, terá lugar nun acto público que se desenvolverá na Universidade o día 16 de setembro de 2021
O xurado salientou a súa traxectoria científica, académica, cultural, cívica e social ao longo de toda a súa carreira na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo
Lugo, Santiago de Compostela

O xurado do IV Premio Luís Porteiro Garea á promoción e uso do galego na USC acordou por unanimidade recoñecer a traxectoria a prol da lingua galega de Antonio Rigueiro Rodríguez, catedrático no Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC. O xurado salientou a súa traxectoria científica, académica, cultural, cívica e social ao longo de toda a súa carreira na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC, así como noutras iniciativas de divulgación científica e sociais.

O xurado reunido o pasado 1 de xullo, puxo o foco naquelas iniciativas que toman como referencia unha docencia universitaria exclusivamente en lingua galega —tanto no nivel de grao como no de posgrao—, a súa dirección de máis de vinte teses de doutoramento —varias delas en lingua galega—, e a súa longa traxectoria como autor de divulgación científica en galego —tanto en formato monografía como en artigos de revistas, capítulos de libros e intervención en congresos—. Tamén foi salientada a participación activa do profesor Rigueiro na elaboración e estandarización da terminoloxía galega no seu ámbito de especialidade e así mesmo a súa pertenza a sociedades científicas galegas como a Real Academia Galega de Ciencias, a Sociedade Galega de Historia Natural, o Grupo Botánico Galego, o Grupo Micolóxico Galego, o Consello da Cultura Galega, o Observatorio da Paisaxe da Xunta de Galicia, o Comité das Árbores Senlleiras ou o Observatorio da Biodiversidade.

A entrega do premio, que  lembra a figura do profesor da Cátedra de Dereito Civil e membro das Irmandades da Fala Luís Porteiro Garea, terá lugar nun acto público que se desenvolverá na Universidade o día 16 de setembro de 2021, coincidindo co aniversario da primeira lección en galego de que se ten constancia que foi pronunciada ese mesmo día de 1915 polo profesor Porteiro Garea. O galardón, nas súas tres edicións precedentes, recoñeceu os profesores Manuel Bermejo, Xosé Antonio Gómez Segade e Antón Costa Rico.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.07.2021.