O catedrático Santiago Montero Herrero clausurou o ciclo sobre os últimos achados arqueolóxicos en Lugo
O profesor Santiago Montero Herrero, un dos investigadores máis prestixiosos sobre relixión romana, foi o encargado de clausurar este xoves en Lugo o ciclo ¿Coñece vostede Lucus Augusti? Avance dos últimos achados arqueolóxicos (2003-2011) organizado pola Facultade de Humanidades e a Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo.
Montero Herrero, catedrático de Historia Antiga da Universidade Complutense de Madrid, é autor de oito monografías e máis de 70 artigos publicados. Antigo director do Instituto Universitario de Ciencias das Relixións da Universidade Complutense de Madrid, actualmente preside a Sección de Historia das Relixións da Sociedade Española de Ciencias das Relixións e é delegado español ante a European Association Study of Religion.
Na súa conferencia explicou as características do culto mitraico, de orixe oriental e mistérica no que predominaba o secretismo sobre todas as súas actuacións. Segundo comentou, estaba reservado a pequenos grupos de iniciados que debían someterse a diversas probas para poder formar parte de esas comunidades relixiosas. O profesor Montero achegou na súa charla un aspecto novidoso da investigación como é a práctica da adivinación de orixe etrusco, que se misturou así coas súas orixes orientais.