O catedrático da USC Ramón Fábregas diserta esta tarde en Humanidadas sobre pinturas prehistóricas na Cova Eirós
O catedrático do Departamento de Historia I da Universidade de Santiago de Compostela, Ramón Fábregas Valcarce, ofrecerá esta tarde, a partir das 18.00 horas, no salón de actos da Facultade de Humanidades, un relatorio sobre os gravados e as pinturas prehistóricas achadas nas escavacións xa practicadas na Cova Eirós, no concello lugués de Triacastela.
Fábregas Valcarce resaltará na súa intervención a importancia dos gravados e das pinturas prehistóricas achadas nas paredes da sala interior en Cova Eirós e que permiten encher o sorprendente baleiro existente en Galicia respecto destas manifestacións paleolíticas. A análise das imaxes documentadas, que consisten en zoomorfos (bóvidos, cérvidos), moitas veces parciais, así como outros signos, tales como puntos, fusiformes e feixes de liñas, a clasificación das técnicas empregadas para a decoración (incisión e pintura, a base de pigmento negro obtido do carbón), e a cronoloxía das imaxes, que poderían datar de entre hai 25.000 anos a hai 10.000, serán algúns dos temas sobre os que falará Ramón Fábregas na Facultade de Humanidades.
O catedrático de Historia da USC tamén abordará na súa intervención, dirixida ao alumnado do máster en Servizos Culturais, pero aberta a todo o público interesado no tema, cuestións relativas á conservación, difusión e promoción deste relevante xacemento prehistórico.