As causas e os mecanismos de prevención e control do lume avaliaranse nun ciclo que organizan o club Valle-Inclán e a Vicerreitoría de Coordinación do Campus lugués

O Club Cultural Valle-Inclán e a Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo analizan nun ciclo de relatorios e mesas redondas as causas estruturais así como os posibles mecanismos de prevención e control do lume. O vicerreitor de Coordinación, Carlos Herrero Latorre, e a presidenta do Club Valle-Inclán, Tonina Gay, presentaron este mércores, día 14, o programa deste ciclo que se vai celebrar na escola luguesa de Formación do Profesorado. Numerosos profesores e investigadores da USC participarán nestas xornadas que se celebrarán durante os días 15, 22 e 27 de marzo baixo a denominación ‘O lume, unha ollada diferente. Causas estruturais, prevención e control’.
A presidenta do Club Tonina Gay aproveitou a ocasión para mostrar o agradecemento á Vicerreitoría de Coordinación do Campus pola súa colaboración e explicou que consideraron interesante o tema do lume despois da situación vivida o verán pasado en Galicia, aínda que conferíndolle un carácter máis divulgativo e accesible para todo o público. O vicerreitor tamén insistiu neste aspecto e recalcou que é un labor fundamental da Universidade achegar o coñecemento á sociedade.
Este xoves, día 15, comeza o ciclo coa intervención do catedrático de Produción Vexetal da EPS, Antonio Rigueiro Rodríguez, quen falará sobre a silvicultura e a prevención de incendios forestais. O xoves seguinte, día 22, será a quenda do profesor de Economía Aplicada do mesmo centro, Francisco Sineiro García, co relatorio ‘Causas estruturais dos incendios forestais’. As xornadas rematarán o martes 27 de marzo cunha mesa redonda onde se debaterá sobre o control do risco de incendio nos montes galegos e na que participarán os profesores da Politécnica, Francisco Dans del Valle, María Rosa Mosquera Losada e Ana Daría Ruíz González.
Todas as intervencións terán lugar ás 20:00 horas no Salón de Actos da Escola Universitaria de Formación do Profesorado e a entrada é libre.