Máis de cen investigadores en nanotecnoloxía procedentes de todo o mundo explicaron as súas investigacións na USC
Máis de cen novos investigadores de todo o mundo explicaron as súas liñas de traballo sobre a aplicación de polímeros en nanotecnoloxía no congreso ‘Primeira conferencia de Novos Investigadores en Polímeros’ inaugurado este luns, día 26, na Facultade de Química da USC. O acto inaugural deste encontro, organizado pola universidade compostelá, estivo presidido pola vicerreitora de Investigación e Innovación, María José Alonso.
Vinculado con este simposio, a Universidade de Santiago tamén acolle a quinta edición do curso sobre copolímeros de bloque que se desenvolve entre os días 25 e 29 no mesmo centro docente e no que se ofrece unha visión interdisciplinaria grazas á participación de expertos químicos, físicos e enxeñeiros con relevancia internacional.
Segundo o investigador Ramón y Cajal Massimo Lazzari, coorganizador dos encontros, estes polímeros teñen a posibilidade de formar morfoloxías con periodicidades en escala nanométrica e, deste xeito, ser empregados para a fabricación de nanofibras de carbono, entre outros materiais, ou para axudar á organización de nanopartículas metálicas usadas, por exemplo, en nanolitografía.