Un cento de expertos someten a estudo a historia da gastronomía e a literatura entre Italia e a Península Ibérica
Seis conferencias plenarias, trinta e cinco comunicación e un cento de participantes conforman o programa do congreso que entre os días 21 e 23 someterán a estudo a historia da gastronomía e a literatura entre Italia e a Península Ibérica. Esta é unha iniciativa que organizan os profesores da Facultade de Filoloxía Mercè López e Benedict Buono.
O congreso tomará como referencias os libros de cocina, receitarios, léxico e literatura gastronómica do tempo actual así como do Renamento e o medievo. Como explican os seus promotores, dende a tendencia universal da cociña renacentista á formación de tradicións locais ben definidas, ata o hibridismo da cociña moderna, a gastronomía tamén expresou a súa forza creadora e innovadora a través da lingua e a literatura. O encontro “quere ser tamén unha ocasión de encontro entre o mundo científico e o dos profesionais da restauración, así como servir de espazo de reflexión sobre o pasado e o futuro da cultura gastronómica”, engaden Mercè López e Benedict Buono.
O evento, que inclúe seis conferencias plenarias e 35 comunicacións, nomeou como presidentes honorarios a Darío Villanueva –director da Real Academia Española– e o seu homólogo italiano Claudio Marazzini –presidente da Accademia della Crusca–. Como actividade complementaria e divulgativa, a semana do congreso exhibirase unha vintena de libros singulares de gastronomía dende os séculos XVI ao XX no claustro do Colexio de Fonseca.
O congreso conta como entidades colaboradoras con ABANCA Obra Social, o Centro Superior de Hostalaría de Galicia, Galicia Calidade e o Institut Ramon Llull (organismo público catalán para a promoción exterior da lingua e cultura catalanas).