Ir o contido principal
STG

O Centro de Linguas Modernas da USC oferta por primeira vez no campus de Lugo un curso de Linguaxe de Signos

A alta demanda de cursos de español por bolseiros doutras universidades estranxeiras eleva notablemente as estatísticas de matrícula do CLM en Lugo

O Centro de Linguas Modernas da USC no campus de Lugo oferta por vez primeira un curso de Linguaxe de Signos. Este programa formativo, estruturado en 40 horas lectivas e para o que estará aberta a matrícula desde o mércores 23 de xaneiro ata o 8 de febreiro, comezará a impartirse o vindeiro 13 de febreiro. A profesora Irene Rivas será a encargada de impartir as clases nas aulas de que dispón o CLM na facultade de Humanidades do campus lugués.

O curso de Linguaxe de Signos constitúe a principal novidade na programación académica ofertada polo CLM no campus de Lugo este curso, no que este servizo universitario superará con creces as estatísticas de alumnado rexistradas nos últimos anos. O número de usuarios inscritos nos cursos de inglés, francés, alemán, español como lingua estranxeira e galego impartidos ata o momento no CLM do campus de Lugo elévase a 328 persoas no primeiro cuadrimestre, unha cifra á que haberá que engadirlle os usuarios/as que formalicen a súa matrícula nalgún dos cursos programados para o segundo cuadrimestre e que suman un total de 160 novas prazas. De cubrirse todas as prazas, o Centro de Linguas Modernas da USC acadaría preto de cincocentos usuarios/as no campus de Lugo, o que suporía un notable incremento con respecto ó curso 2011-2012, no que se contabilizaron 358 matrículas, 127 máis que o exercicio anterior. Durante os últimos dous anos tense experimentado un notable incremento nas cifras do alumnado que acude ao CLM do campus de Lugo interesándose pola aprendizaxe de linguas. Este aumento da matrícula afecta máis ou menos a todas as linguas ofertadas, aínda que cómpre salientar a alta demanda rexistrada este exercicio nos cursos de español para estranxeiros, un feito que responde á chegada ao campus de Lugo de moitos bolseiros procedentes de universidades estranxeiras, boa parte delas de Brasil, desde onde este curso chegaron a Lugo 89 estudantes. Par atender ás necesidades formativas en ELE (español como lingua estranxeira) do alumnado bolseiro chegado á USC doutras universidades estranxeiras, o Centro de Linguas Modernas , o Centro de Linguas Modernas ampliou a oferta de ELE no primeiro cuadrimestre (2 cursos intensivos e 5 extensivos – todos de 40 horas) e tamén para o segundo cuadrimestre (un intensivo, que comezará en febreiro, e 4 grupos extensivos de 40 horas que se desenvolverán a partir do mes de marzo e que se corresponderán a distintos niveis de aprendizaxe). Datos prácticos: Probas de nivel e matrícula As persoas interesadas nos cursos cuadrimestrais (agás no caso de Linguaxe de Signos) terán que facer unha proba de nivelación o día 29 de xaneiro 2013. O prazo para a inscrición nesta proba estará aberto desde o 23 ao 28 deste mes. Unha vez realizada, o alumnado poderá facer a matrícula correspondente ao nivel asignado. A matrícula para o curso de inglés (nivel B1) e Linguaxe de Signos estará aberta desde o 23 de xaneiro ao 8 de febreiro. Os estudantes internacionais interesados no curso intensivos de español como lingua estranxeira terán que facer esa proba o 7 de febreiro de 2013, previa inscrición dende o día 1. Para o curso cuadrimestral a data de celebración da proba de nivel será o 7 de marzo. Toda a información pertinente pode ser consultada na web da universidade http://www.usc.es/clm.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.01.2013.