Ir o contido principal
STG

O certame da EDIUS ‘Three Minute Thesis’ afiánzase coa participación dunha vintena de estudantes de doutorado

Estudantes que gañaron a segunda edición do certame
Estudantes que gañaron a segunda edición do certame
A segunda edición na USC desta iniciativa, que botou a andar na Universidade de Queensland en 2008, consiste en que cada estudante expoña en tan só tres minutos a investigación que está a desenvolver. Á fase final chegaron 11 estudantes, dos cales cinco lograron proclamarse vencedores/as
Lugo, Santiago de Compostela

Un total de 19 estudantes de doutoramento participaron na segunda edición do certame ‘Three Minute Thesis (3MT®)’na USC. Este é un concurso de comunicación para investigadores e investigadoras de todas as áreas do coñecemento, iniciado pola Universidade de Queensland en 2008, e que cultiva as habilidades de comunicación académica, de presentación e de investigación dos e das estudantes. En concreto, na edición 2023, un total de 11 doutorandos/as lograron chegar á fase final, proclamándose vencedores cinco de deles/as.

A mecánica do concurso consiste en expoñer o contido dos respectivos traballos ante o xurado e o público asistente, respectando o tempo (3 minutos) e o guión do traballo presentado previamente en formato vídeo. Aínda que a idea inicial era entregar un premio por cada área (Artes e Humanidades, Ciencias e Enxeñarías, Ciencias da Saúde, e Ciencias Sociais), o xurado finalmente concedeu un premio ex aequo na sección de Ciencias da Saúde.

“Esta competición reta o estudantado de doutoramento a consolidar as súas hipóteses, obxectivos e ideas así como a validez e importancia dos resultados da súa investigación e a presentalos de xeito claro e conciso, empregando unicamente os recursos propios da oratoria e da retórica, esenciais para as súas futuras carreiras profesionais”, explican dende a Escola de Doutoramento Internacional da USC (EDIUS), promotora do certame que se desenvolveu a semana pasada na Nave de Vidán. “Unha boa construción do discurso e a súa presentación oral son a parte esencial da competición, onde a posta en escena ten que estar reducida ao mínimo”, engaden.

Estudantado premiado

Rocío del Pilar Sosa Fernández, pertencente ao programa de doutoramento Comunicación e Información Contemporánea impúxose na área de Ciencias Sociais e Xurídicas ao expoñer en tan só tres minutos o traballo que está a desenvolver no marco da súa tese de doutoramento titulada ‘Potencial educativo das tecnoloxías inmersivas na educación universitaria’.

No eido de Artes e Humanidades, o vencedor foi Xosé Ramón Cisneros Pérez, quen está a desenvolver a tese ‘O museo 3.0 en España: redes sociais e medios dixitais na difusión do patrimonio museístico’, no programa en Historia, Xeografía e Historia da Arte.

Silvia Aranda García e Uxía Yañez Ramil foron as gañadoras en Ciencias da Saúde. A primeira desenvolve a tese ‘Teleasistencia e teleformación audiovisual nas emerxencias mediante lentes intelixentes’, no programa Investigación Clínica en Medicina; mentres que a segunda está a investigar a ‘Ecografía en modo Doppler: unha ferramenta para a mellora da eficiencia reprodutiva no gando vacún’, no seo do programa de doutoramento titulado Medicina e Sanidade Veterinaria.

Finalmente, en Ciencias e Enxeñarías, Ángela Arnosa Prieto gañou o certame logo de expoñer en tres minutos a temática da súa tese titulada ‘Deseño e caracterización de materiais nanoestruturados e nanocomposites para aplicacións biomédicas, catalíticas e electro-ópticas’, pertencente ao programa da USC en Ciencia de Materiais.

O xurado estivo composto por Dolores Vilavedra Fernández, Eugenio Vázquez Sentís, José Manuel Cifuentes Martínez, José Miguel Túñez López, Marta Rodríguez Castro e Roi Méndez Fernández. A EDIUS premiou o estudantado vencedor cun cheque por valor de 250 euros e uns auriculares sen fíos.

 

Foto de familia coas persoas participantes na fase final
Foto de familia coas persoas participantes na fase final
Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.06.2023.