Ir o contido principal
STG

O I Certame de Paisaxe Sonora distingue a composición ‘Beleza fea’, de Álex Rego

Vaquero, Ferreiro, Monsalve, Álvarez e Rego, na gala do I Certame de Paisaxe Sonora
Vaquero, Ferreiro, Monsalve, Álvarez e Rego, na gala do I Certame de Paisaxe Sonora
O xurado do programa organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural seleccionou como finalista as creacións ‘Lugo’, de Jesús Otero; ‘As agras’, de Roberto Hermida; ‘Brétema’, de Elisa Sedes’ e ‘A inspiración desde o corazón’, de Luis Monsalve
Lugo

O I Certame de Paisaxe Sonora, unha iniciativa a prol do fomento da creatividade organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Deputación Provincial de Lugo e Concello de Lugo, distingue con 900 euros, ademais de trofeos deseñados pola artista visual Montse Rego, cinco das 13 creacións sonoras presentadas a esta primeira edición dunha iniciativa coordinada por Arturo Vaquero.

A composición sonora ‘Beleza fea’, presentada por Álex Rego Teixeiro, foi a proposta mellor valorada polo xurado do I Certame de Paisaxe Sonora e acadou así o Premio conmemorativo do Grupo de Creación Sonora da USC (GCSUS), dotado con 350 euros en metálico e a escultura metálica de Montse Rego. As outras catro creacións finalistas deste certame foron ‘Lugo’, de Jesús Otero Seoane; ‘As agras’, de Roberto Hermida Lorenzo; ‘Brétema’, de Willie & Winnie, e ‘A inspiración desde o corazón’, obra de Luis Monsalve Calvo.

O ditame do xurado, un tribunal composto polos creadores de arte sonora Arturo Vaquero e Xoán Xil, ademais d epolo deseñador sonor Marcos Maril, deuse a coñecer no marco da gala de presentación das candidaturas celebrada na Casa do Saber, o escenario no que o público presente tamén acordou repartir o importe do seu galardón entre as catro candidaturas finalistas.

O adxunto á Vicerreitoría de Organización Académica da USC, Antonio Álvarez, e a vicepresidenta da Deputación Provincial e concelleira da área de Cultura do Concello de Lugo, Tareixa Ferreiro, participarán no acto de entrega de premios, unha sesión na que todos os participantes presentes tiveron a oportunidade de presentar a explicar cadanseu proceso creativo e o obxectivo de cada unha das composición sonoras.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.12.2022.