Ir o contido principal
STG

A certificación de calidade do selo USC Editora chega aos dez anos de vida

USC Editora é un selo comercial, rexistrado como marca europea, que dá cabida a seis series editoriais. FOTO: Santi Alvite
USC Editora é un selo comercial, rexistrado como marca europea, que dá cabida a seis series editoriais. FOTO: Santi Alvite
O informe da última auditoría de AENOR segue destacando como puntos fortes do sistema o uso de ferramentas informáticas de última xeración para a xestión editorial integral e “os excelentes resultados das enquisas de satisfacción”
Santiago de Compostela

O selo USC Editora, marca editorial de xestión propia dentro de Edicións USC, acaba de renovar, tras a correspondente auditoría por parte de AENOR, a súa certificación segundo a norma ISO 9001:2015 de sistemas de xestión da calidade. O selo certificouse por primeira vez no ano 2014, co cal este ano acádase un decenio de vida no que o catálogo da marca foi medrando con algúns títulos especialmente significativos pola súa proxección como El vuelo corto. Mujeres y migraciones en la Edad Moderna (volume 14 da serie Académica), de Ofelia Rey Castelao, Premio Nacional de Historia 2022.

O informe da última auditoría de AENOR segue destacando como puntos fortes do sistema o uso de ferramentas informáticas de última xeración (OMP 3.1.2.4) para a xestión editorial integral e “os excelentes resultados das enquisas de satisfacción”.  Para o director de Edicións USC, Juan L. Blanco Valdés, “ter logrado non só manter senón ir robustecendo durante dez anos ininterrompidos o sistema de xestión de calidade é o evidente reflexo dunha organización comprometida e orientada claramente á mellora continua a través dun eficiente labor de equipo”.

USC Editora é un selo comercial, rexistrado como marca europea, que dá cabida a seis series editoriais (Académica, Clave, Ensaio, Manuais, Textos, Cuadernos  de Español como Lengua Extranjera) sometidas a un sistema propio de avaliación por pares externos á USC. O selo conta, ademais, cun elenco estable de 22 editores internos, que someten os orixinais a unha avaliación previa. USC Editora garante o nivel das obras que se editan baixo a súa marca e constitúe un compromiso de prestixio, recoñecemento e calidade editorial.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.02.2024.