Ir o contido principal
STG

A Cervantes presenta este mércores na USC o seu portal dedicado á Sociedade Española de Literatura Xeral e Comparada

A Fundación Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes presenta este mércores 3 en Santiago, no transcurso do XX Simposio da Sociedade Española de Literatura Xeral e Comparada (SELGYC) que se desenvolve en Filoloxía, o seu portal dedicado a esta entidade científica que ten como obxectivo primordial fomentar e estimular o estudo da literatura desde a óptica e a metodoloxía do comparatismo. A presentación terá lugar ás 17.30 horas na Facultade de Filoloxía e correrá a cargo de Montserrat Cots, presidenta da SELGYC e baixo cuxo mandato se activou este portal. A SELGYC fundouse en Madrid en 1977 co fin de fomentar os estudos de Literatura Comparada e de Teoría Xeral da Literatura. Na actualidade presídea a doutora Cots, catedrática da Universidade Pompeu Fabra, a quen precederon neste posto os profesores Carlos Alvar, Carlos García Gual e Manuel Fernández Galiano e os académicos da RAE Fernando Lázaro Carreter, Claudio Guillén e Darío Villanueva. Composta por case 600 socios, a SELGYC publica a revista 1616, que desde 2011 se presenta como Anuario de Literatura Comparada. Editada pola Universidade de Salamanca, o seu director é o catedrático da USC Darío Villanueva, secretario da RAE e director do consello científico da Fundación Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes. O portal ofrece, entre outros contidos, unha selección de artigo se ensaios dos socios da entidade, así como os volumes de actas dalgúns dos simposios que celebrou a sociedade e once volumes do anuario 1616, publicados entre 1978 e 2006.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.09.2014.