Ir o contido principal
STG

Cervantes e Shakespearen dialogan esta tarde en Filoloxía nunha proposta da compañía teatral GN

Logo da súa versión de Salomé de Oscar Wilde estreada o pasado curso no Salón Teatro, a compañía GN que dirixe Helena Salgueiro visita este mércores ás 19.00 horas a Facultade de Filoloxía para facer dialogar a Cervantes e Shakespeare.

‘Cardenio’ é o título dunha peza de Shakespeare e Fletcher, posiblemente baseada no episodio homónimo do Quixote. Perdida a obra orixinal nun incendio do célebre teatro Globe, este ‘Cardenio figurado por GN’ é unha ocasión extraordinaria para imaxinarmos o único testemuño literario da relación entre Cervantes e Shakespeare.

Refráns do Quixote
As actividades do Mes de Cervantes e Shakespeare en Filoloxía está a ter moi boa aceptación no centro. Onte mesmo o alumnado estranxeiro traballou sobre os refráns do Quixote nunha sesión dirixida pola profesora de Español como Lingua Estranxeira no Centro de Linguas Modernas da USC, M. Carmen Losada Aldrey.

A xornada comezou coa reprodución da cumbia ‘Refranes’ de Gloria Stefan, e continuou con algúns fragmentos dialogais entre Don Quixote e Sancho, que dan conta do uso e consideracións que sobre eles fan os personaxes ao longo dunha obra que atesoura arredor de trescentos anos. Guiados por unha selección de oito refráns recollidos na novela, e incluídos no mínimo paremiolóxico de calquera falante de castelán, a sesión continuou con exercicios prácticos, aproveitando a diversidade lingüística e cultural do alumnado presente para practicar tamén paremioloxía contrastiva, e revisando amodo as características rítmicas, morfosintácticas, retóricas e discursivas dos refráns.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.10.2016.