Ir o contido principal
STG

O CETUR organiza a segunda edición do Congreso de Turismo Costa da Morte

Para coñecer algunhas actuacións enmarcadas no Plan de Dinamización Turística, o encontro acolle unha excursión pola Costa da Morte

Co título ‘A Costa da Morte e os fisterras europeos’, o Centro de Estudos e Investigacións Turísticas (CETUR) da Universidade de Santiago organiza a segunda edición do Congreso de Turismo Costa da Morte que terá lugar na Casa da Cultura de Corcubión do 17 ao 21 de abril. A matrícula para participar nestas xornadas, destinadas á sociedade en xeral, manterase aberta ata o vindeiro día 17.
O congreso dará comezo cunhas xornadas nas que se tratarán cuestións vinculadas exclusivamente co sector de formación para a calidade e que se desenvolverán en sesión vespertina os días 17 e 18. Durante as dúas xornadas seguintes, expertos da administración pública, investigadores e profesores universitarios abordarán as características dos distintos fisterras europeos, os programas de desenvolvemento rural de Galicia e as posibles liñas de colaboración entre destinos.
No encontro, estes especialistas tamén falarán sobre a xestión dun destino turístico, a nova lei de turismo de Galicia, a comunicación eficaz, a inspección turística, os desafíos de sermos máis competitivos e presentarán os actuais produtos turísticos da Costa da Morte.
Excursión pola Costa da MorteCo fin de coñecer algunhas das principais actuacións desenvoltas polo Plan de Dinamización Turística na zona, o último día do congreso realizarase unha excursión por toda a Costa da Morte. O custe da actividade será de trinta euros para os que asistan á excursión e de vinte para o resto dos participantes.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.04.2007.