Ir o contido principal
STG

O Cetur da USC analizará no Día Mundial do Turismo os retos futuros do sector

A xornada desenvolverase o día 27 na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais

Co gallo da celebración do Día Mundial do Turismo, o vindeiro 27 de setembro terá lugar na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais unha xornada de análise organizada polo Centro de Estudos e Investigacións Turísticas (Cetur) e o Master universitario en Turismo urbano e xestión de empresas turísticas en colaboración coa Asociación de Empresarios de Restauración e Hospedaxe de Santiago de Compostela. Na xornada, que inaugurará o reitor Juan Casares xunto con, entre outros moitos, a secretaria xeral para o Turismo da Xunta de Galicia, Carmen Pardo, analizarase o futuro do sector turístico en clave mundial e local. Participan nela responsables da Organización Mundial do Turismo, do Instituto de Estudos Turísticos de España e do Grupo Orizonia. Como colofón, o final da mañá dedicarase á exposición das conclusións da mesa redonda que o día anterior, o luns 26, se desenvolverá no Centro de Estudos Avanzados para facer balance dos últimos meses no sector turístico en Galicia e debater sobre o seu futuro. Con esta convocatoria, aberta á participación dos representantes do sector turístico galego e doutros axentes públicos e privados, preténdese establecer puntos de encontro entre os diferentes subsectores para conformar una folla de ruta e chamar a atención sobre a importancia crecente do sector turístico na economía galega e o papel a xogar polo sector empresarial privado na promoción da comercialización turística.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.09.2011.