Charla sobre contaminación lumínica na Facultade de Matemáticas

Os expertos Salvador Bará, da USC, e Víctor Tilve, do Centro de Estudos de Física do Cosmos de Aragón, falarán este mércores 27 sobre contaminación lumínica na Facultade de Matemáticas. A charla terá lugar ás 20:15 horas no Salón de Graos.
A actividade, organizada pola Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC, ten como obxecto concienciar das consecuencias da contaminación lumínica e as posibles medidas de prevención, baseándose en exemplos da contorna.
Salva Bará é profesor da Facultade de Óptica e Optometría, especialista en contaminación lumínica e astronomía con especial implicación na divulgación científica. Pola súa banda, Víctor Tilve realiza o doutoramento en Matemáticas e é técnico operador de telescopios do Observatorio Astrofísico de Javalambre Centro de Estudos de Física do Cosmos de Aragón.
A charla enmárcase no traballo dos bolseiros e bolseiras SPIU do Plan de Desenvolvemento Sostible, que facilitan o deseño de actividades baseadas na detección por parte do alumnado das necesidades e inquedanzas da comunidade universitaria.