Ir o contido principal
STG

Chega á USC un outono cheo de creación cultural

Concerto de Mondra na Igrexa, no pasado Outono Cultural. Foto: Santi Alvite
Concerto de Mondra na Igrexa, no pasado Outono Cultural. Foto: Santi Alvite
O Outono Cultural combina unha extensa programación cultural coa súa sólida oferta formativa

A Universidade de Santiago enfronta a nova estación do outono renovando a súa axenda cultural programando numerosas actividades nos seus dous campus que van máis aló das aulas para fomentar o espírito crítico do estudantado, e non só, a través de eventos de acceso libre. Música, teatro, exposicións, danza, audiovisual, divulgación científica... así como diversos programas formativos e certames e convocatorias conforman o Outono Cultural da USC.

O capítulo musical iníciase o 21 de outubro en Lugo co concerto do Dúo Gimeno-Sanchís enmarcado no ciclo Músicas a Carón da Mosqueira. Tamén en Lugo serán os recitais que se agardan para o 25 de outubro no Sons Creativos e o de Elia Batida Trío o 12 de novembro na Casa do Saber, dentro do Festival de Jazz de Lugo. Xa o 14 de novembro actuará De Ninghures na Igrexa compostelá da Universidade, para o día 18 dese mes ter lugar en Lugo a actuación de Lontreira no Lubicán.

Pecha o apartado de música un concerto de Susana Gómez na Casa do Saber e, un ano máis, o Concerto de Nadal da Orquestra e Coro da USC o día 20 de decembro na Igrexa da Universidade, en Santiago.

Exposicións
As salas expositivas da USC en Santiago conxugarán estes tres meses coñecemento e divulgación cultural con reivindicación social. Así, á exposición ‘Miradas. Mulleres na arte. Retratos de Elsa Martínez’ no claustro alto do Colexio de Fonseca seguiranlle outras dúas sobre a arte das mulleres do sur de India e as orixes do Anime na ollada de Tadahiko Horiguchi.

Esta semana inaugurarase no Salón Artesonado de Fonseca unha exposición sobre as cantantes líricas galegas dos séculos XIX e XX, á que lle seguirá a mostra Afectos 24/7 que se prolongará ata xaneiro. Na Igrexa da Universidade están previstas tres montaxes, unha sobre o matemático José Rodríguez, a cita de todos os anos Xuventude Crea e unha última sobre Gaza en colaboración coa Fundación Araguaney.

Teatro e audiovisual
No apartado teatral está prevista a estrea da última produción da Aula de Teatro da ISC para o 12 de decembro no Salón Teatro de Compostela. E tamén no audiovisual hai propostas, ambas as dúas en Santiago: a gravación en directo do podcast Las hijas de Felipe o 17 de outubro e a presentación da segunda tempada de ‘Pringadas’, unha ficción universitaria de Brava para Agalega o mércores 6 de novembro na Igrexa.

Máis cultura
A toda esta programación hai que lle sumar en Santiago unha nova Faísca Cultural titulada ‘i-Emotions: Afectos Dixitais’. Xa en Lugo a Faísca Cultural dará comezo esta semana, o día 2, co lema ‘Terceiuro acto: creando ilimitadamente entre números’.

Un encontro coa fotógrafa Anna Turbau, os Encontros de Lúa Chea ou o Microaberto son o resto de actividades a desenvolver en Lugo coas que se pecha a programación do Outono Cultural da USC.

Actividade formativa
A toda esta programación cultural, aberta e de balde, hai que lle engadir unha ampla oferta formativa en teatro e danza nos dous campus de Santiago e Lugo. A maiores, no primeiro ofrécese ademais cursos de danza tradicional galega, pandeireta, tango, podcast e videocreación, e no de Lugo de fotografía e voz e movemento.

Programación do Outono Cultural en Lugo
Programación do Outono Cultural en Lugo
Programación do Outono Cultural en Santiago
Programación do Outono Cultural en Santiago
Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.09.2024.