O ciclo 'Unha andaina polas matemáticas' fai un repaso ao tratamento das ecuacións ao longo da historia
O ciclo de divulgación científica ‘Unha andaina polas matemáticas’ analizará na sesión prevista para o luns 21 ‘As ecuacións: de Babilonia aos sistemas de Álxebra computacional’, título do relatorio que impartirá o docente do IES Punta Candieira de Cedeira, Mario Rodríguez Riotorto. A xornada celebrarase na Aula Magna da Facultade de Matemáticas a partir das 17:00 horas.
Nesta conferencia Mario Rodríguez realizará un repaso ao tratamento das ecuacións ao longo da historia, dende os seus xermolos en Babilonia ou Exipto pasando por India, China e Europa. A intervención rematará cunha visión á resolución computacional, simbólica e numérica, a través dunha ferramenta actual de software libre.
Unha andaina polas matemáticasO obxectivo das distintas sesións previstas dentro deste ciclo organizado pola Facultade de Matemáticas é amosar aos asistentes a evolución histórica dalgúns conceptos matemáticos, a importancia e fermosura de resultados clásicos e modernos, así como as aplicacións dalgunhas teorías básicas, tanto nas propias matemáticas como en disciplinas como a Arte, Arquitectura, Bioloxía, Ciencias Sociais, Enxeñaría, Física, Informática, Música e Química.
No seu conxunto, o ciclo articúlase nunha serie de dez conferencias ou seminarios cunha duración de entre 120 e 180 minutos. Os conferenciantes son docentes e investigadores universitarios procedentes da propia USC e de centros do País Vasco, Valladolid ou Granada, así como profesores do ensino secundario.