Ciclo de cinema francés na Facultade de Filoloxía

O Departamento de Filoloxía Clásica, Francesa e Italiana da USC organiza en febreiro e marzo un ciclo de cinema francés co obxectivo de achegar a cultura francesa a toda a comunidade universitaria. Organizado en colaboración co Instituto Francés de Bilbao, a asistencia a calquera das películas do ciclo é gratuíta.
Serán en total catro filmes, que se proxectarán en versión orixinal con subtítulos en castelán no Salón de Graos da facultade ás 18:00 horas. O 8 de febreiro será a quenda de ‘Je fais le mort’, comedia dirixida por Jean-Paul Salomé en 2013. Xa o 15 de febreiro proxectarase o drama ‘ Je ne suis pas un salaud’ de Emmanuel Finkiel. ‘La bataille de Solférino’, dirixida por Justine Triet, é o título do 22 deste mes e, por último, o 8 de marzo rematará o ciclo co thriller ‘Rapt’, de Lucas Belvaux.