Ciencia para sandar a arte sen dañala
Tres traballos publicados recentemente no marco do proxecto europeo NanoRestArt avalan a nova ferramenta de diagnóstico desenvolvida no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da Universidade de Santiago (CiQUS) para a conservación de obras de arte. É capaz de detectar de forma rápida e non invasiva síntomas de deterioración en obras ao óleo e esculturas construídas a base de plásticos.
En contacto co osíxeno, a radiación solar e outros factores ambientais, a materia que conforma os seres vivos sofre máis tarde ou máis cedo un proceso de degradación, que acaba por deterioralos; e a arte non é unha excepción. As creacións artísticas empregan con frecuencia materiais orgánicos: a propia pintura ao óleo baséase na combinación de aceites de orixe vexetal con pigmentos, mentres que algunhas esculturas de arte contemporánea construídas a base de materiais poliméricos (plásticos), caracterizados pola súa rápida degradación, teñen dado xa sinais de alarma perante un risco evidente de descomposición prematura.
A estratexia contemplada por restauradores e museos para evitar ou minimizar os danos céntrase hoxe na conservación preventiva, mediante o seguimento e control dos riscos de deterioración que afectan as obras de arte. Mais malia esta prevención, os métodos para determinar o momento óptimo para acometer un labor de restauración específica seguen sendo excesivamente rudimentarios e invasivos, xa que requiren da toma de varias mostras para a súa posterior análise, o que en maior ou menor grao acaba supoñendo un prexuízo para a obra.
Fiable e non invasiva Neste contexto, tres novos traballos ven a luz de maneira case simultánea como resultado do proxecto NanoRestArt (Nanomaterials for the Restoration of Works of Art), financiado pola Comisión Europea no marco do programa Horizonte 2020 e centrado na aplicación de nanomateriales e nanotecnoloxías para a conservación da arte contemporáneo.
Así, o grupo liderado polo profesor da Facultade de Química da USC Massimo Lazzari presenta un novo ‘ kit de diagnóstico’ que permite analizar fielmente e sen danar o traballo se unha obra de arte ten síntomas de avellentamento precoz, detectando marcadores de degradación a partir de distintas nanotecnoloxías desenvolvidas no laboratorio. “Nun contexto tan fráxil como o artístico –asegura Lazzari– é especialmente significativo lograr crear unha nova ferramenta que permite tomar as mostras sen deixar marca algunha na obra; xa non é necesario destruír un fragmento para analizar o seu estado”.
Máis concretamente, o traballo publicado na revista Chemical Communications describe o desenvolvemento teórico dun substrato para a análise das mostras mediante a técnica SERS (Surface Enhanced Raman Scattering - Espectroscopia Raman Amplificada en Superficie), en virtude do cal foi posible validar a nova ferramenta. Os investigadores mostran o procedemento seguido para a súa fabricación e explican o funcionamento dalgúns substratos desechables de plástico, obtidos mediante litografiado brando e recubertos de aluminio. Para iso recorreron a distintas técnicas, entre as que destaca especialmente a caracterización por microscopía electrónica EELS (Electron Energy Loss Spectroscopy - Espectroscopía Electrónica de Perdas de Enerxía), levada a cabo no Centro de Microscopía Electrónica da Technical University (Dinamarca).
Os traballos restantes abordan as aplicacións do novo kit de diagnóstico. O primeiro, publicado na revista Journal of Raman Spectroscopy demostra a aplicación da metodoloxía sobre pinturas ao óleo (tal e como se pode apreciar no vídeo de acceso libre que acompaña ao artigo), mentres que no segundo se valida a efectividade da técnica sobre plásticos modelo e obras de arte en material plástico, un traballo feito público pola revista Talanta.