Ir o contido principal
STG

A ciencia toma as rúas de Compostela e Lugo co gallo da G-Night

A USC toma parte, xunto con UVigo e UDC, no consocio que impulsa a G-Night baixo o lema ‘Conciencias creativas’
A USC toma parte, xunto con UVigo e UDC, no consocio que impulsa a G-Night baixo o lema ‘Conciencias creativas’
Baixo o lema ‘Conciencias creativas’, este venres 24 de setembro celébrase a Noite Europea das Persoas Investigadoras coa que se pretende achegar a investigación científica ao “conxunto da sociedade de maneira sinxela, divertida e interactiva”, explica o seu coordinador na USC José Antonio Costoya
Lugo, Santiago de Compostela

“Sacar a ciencia á rúa e achegala ao conxunto da sociedade de maneira sinxela, divertida e interactiva”, así define o profesor da USC José Antonio Costoya a meta que persegue a G-Night ou Noite Europea das Persoas Investigadoras da que é coordinador dende a USC. Este evento de divulgación científica ao que se suma a USC, celébrase de xeito simultáneo en cidades de toda Europa o último venres de setembro.  A través dun nutrido programa de actividades que se desenvolverán o 24 de setembro de 18.00 a 21.30 horas no xardín do Colexio de Fonseca e as súas inmediacións, así como de 18.00 a 22.00 horas no Vello Cárcere de Lugo, “queremos amosar a nosa maneira de traballar e espertar o interese e a conciencia sobre a transcendencia do eido científico, tanto aplicado como básico”, continúa o profesor Costoya.

A USC toma parte, xunto con UVigo e UDC, no consocio que impulsa a G-Night baixo o lema ‘Conciencias creativas’. “Pretendemos dar a coñecer a cultura científica dende unha perspectiva global e funcional, sabendo que se a sociedade, de todas as idades e estratos, comprende o que facemos os científicos, será máis doado que valore o noso papel e se retro-alimente en beneficio da propia sociedade”, engade o coordinador da G-Night na USC. Cesga, a Unidade de Cultura Científica da Delegación do CSIC en Galicia e Instituto de Investigacións Mariñas, o Centro Oceanográfico de Vigo (IEO, CSIC), Gradiant, Itmati, Inibic e Sebbm, integran tamén o consorcio.

Santiago

Na zona central do xardín de Fonseca, situarase o Espazo ágora no que, con capacidade para vinte persoas, desenvolverase o espectáculo Ciencia Máis. Esta parte da G-Night trata de conectar o público coa ciencia e cos científicos demostrando que a investigación non só é accesible para todos, senón que tamén é útil e divertida mediante o uso de formatos orixinais e creativos.

A doutora en Veterinaria pola USC, Eva Cabanelas, abordará na súa charla curiosidades sobre piollos, pulgas e carrachas. Xandro García co seu faladoiro ‘Outono no mar’ tratará os cambios que vai provocar esta nova estación na paisaxe submariña. Pola súa parte, Dario Lago explicará como visualizan a Internet Cuántica do futuro moitos científicos. No faladoiro ‘Ovular ou non ovular. Esa é a cuestión’, Laura Veiga profundará na importancia da ovulación no ciclo menstrual e como se pode detectar. Como funciona o ADN e os moduladores epixenéticos empregando un exemplo do día a día como é a maduración da froita, é o obxecto da charla de Iván Varela. Tamara Pazos reflexionará sobre a divulgación como ferramenta de prevención de riscos para a saúde e sobre como empregando a comedia tamén se regala saúde cos beneficios da risa. Sassy Science na súa charla ‘El electrón vibrador’, abordará como algúns materiais, sobre todo algúns metais, posúen unha calidade moi particular na que os electróns de condución dos seus átomos vibran de forma conxunta. Ademais, ‘O legado de Marie Curie, máis de cen anos de radiación ao servizo da saúde’ será o título do faladoiro da investigadora do IDIS María Araceli Gago Arias.  

Os diferentes centros singulares de investigación da USC presentarán asemade a súa actividade no denominado Espazo experientia, situado no perímetro do recinto do xardín de Fonseca. Así, o Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) impulsará o taller ‘Fabrica o teu propio anticorpo’ no que construír, utilizando cartas de baralla e paus de xeado, o propio anticorpo e despois comprobar que  microbio pode destruír. O obradoiro ‘Plaquetas: Dr.  Jeckyll &  Mr. Hyde’ conformará unha experiencia práctica para todos os públicos na que simular o que ocorre nas veas/arterias cando hai unha lesión vascular. Finalmente, ‘Biotecnoloxía  na cociña (extracción ADN)’ é un obradoiro no que experimentar empregando ingredientes que se atopan en calquera cociña para illar o material xenético contido nun amorodo.

Catro serán as mesas impulsadas polo grupo de Biotecnoloxía Ambiental (Biogroup) do Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS): ‘Coagulación-floculación do leite’ —busca da optimización da cantidade de reactivo necesario para a separación sólido/líquido no tratamento de augas procedentes da industria láctea—, ‘Recuperación de recursos a partir de residuos agroalimentarios’ —demostración da revalorización de residuos agroindustriais como o bagazo de uva ou a cáscara de castaña—, ‘Métodos terciarios de tratamento de augas residuais da industria textil’ —eliminación de contaminantes mediante ozonización, así como en virtude do emprego de nanopartículas magnéticas—, e  ‘Cálculo da pegada de carbono e hídrica dos alimentos’ —os asistentes poderán avaliar o impacto ambiental (pegada de carbono e pegada hídrica) das súas dietas de alimentación—.

Pola súa parte, o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS) poñerá tamén en marcha co gallo da G-Night unha serie de experimentos para todos os públicos. En colaboración con membros da Sociedade  Xuvenil  Galega de Química, levarán a cabo distintas demostracións. Deste xeito, comprobarase como algúns materiais habituais nos fogares están formados por moléculas fluorescentes ao aplicarlles luz violeta. Aprenderase a medir o pH con compostos naturais ou crearase neve artificial empregando un  polímero que podemos atopar nos cueiros. Haberá tempo tamén para poñer a proba os coñecementos en ciencia do público asistente a través dun concurso.

Finalmente, o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS) levará á G-Night os obradoiros  ‘Demo robótica’ sobre a interacción home-robot e a manipulación robótica, a través dun brazo controlado por unha consola;  ‘Podes gañarlle unha carreira a un coche controlado por Intelixencia Artificial (IA)?’, verbo dunha carreira de scalextric entre dous coches, un deles equipado con IA e outro controlado dende un mando por unha persoa;  ‘CystAnalyser’ software desenvolvido no CiTIUS que axuda no deseño de fármacos contra a poliquistose renal; ‘MeteoText’, aplicación que traduce automaticamente á linguaxe natural, o prognostico meteorolóxico a curto prazo; ‘Proxecto europeo MENELAOS-NT’ que presenta unha cámara capaz de capturar imaxes  tridimensionais; e  ‘Copiando ao cerebro’, enfocado en desenvolver sistemas visión e captura de imaxe de baixa potencia máis complexos, que imitan ao cerebro.

Ademais, a Aula Magna da Facultade de Química da USC, a partir das 19.00 horas do venres 24, acollerá o coloquio ‘Sorrisos e bágoas, ou pensabas que investigar era distinto? A realidade humana detrás da ciencia’. O evento impulsado dende a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), estará presentado por Senén Barro, catedrático de Ciencias da Computación da USC, e moderado polo catedrático de Electromagnetismo da Universidade, Jorge Mira. Intervirán no coloquio o doutorando en Ciencias Sociais e do Comportamento da UDC, Francisco Rey Vizoso; a directora da Unidade de Nano-Oncoloxía do IDIS, María de la Fuente Freire; a catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC, María José Alonso; e o profesor emérito de Ciencia de Materiais e Enxeñaría Metalúrxica da UVigo, Pedro Merino Gómez.

Lugo

O programa de actividades deseñado polo grupo de innovación docente da USC XuvenCiencia xunto co colectivo de investigadores Agromar, do Campus Terra, co gallo da G-Night converterá as dependencias do Vello Cárcere de Lugo nun foro de divulgación científica no que público de todas as idades terá a oportunidade de ser protagonista dalgún dos quince obradoiros previstos, así como das charlas e sesións demostrativas. O público interesado en tomar parte no programa de actividades deste evento, que ofrece en Lugo preto de 250 prazas, poden formalizar xa de balde a súa inscrición a través do número de teléfono 982 297 195.

Este evento de divulgación científica e posta en valor do labor que desenvolven os investigadores comezará cos talleres ‘Xogando a aprender’, dirixido a nenas e nenos de 6 a 9 anos, e ‘O que agochan as células’, para público de 10 a 13 anos. De xeito parello a estas actividades, a G-Night ofrece á mesma hora no Vello Cárcere de Lugo os obradoiros ‘Experimentos de física’, ‘Loitamos contra o ciberbullying nas redes sociais’ e ‘Sen teatro non ha drama’, dirixidos á mocidade de entre 14 e 18 anos. As persoas maiores de 16 anos tamén poderán participar en ata catro percorridos científicos, no marco do que diversos investigadores do Campus de Lugo da USC guiarán sesión demostrativas de impresión 3D, fotosíntese artificial, árbores por un tubo ou o peixe cebra como modelo de investigación animal.

Os itinerarios científicos programados, así como algúns dos obradoiros terán novas edicións ao longo da tarde do venres no marco da G-Night, no Vello Cárcere, onde tamén se impartirán talleres de comunicación con fibra óptica, trazabilidade animal mediante PCR-Kit DNA Meat ou determinación de proteínas to Kit Fotometrix, tamén creado por XuvenCiencia. Estas acción van dirixidas a persoas de entre 14 e 18 anos.

As persoas maiores de 16 anos tamén atoparán na G-Night de Lugo a ocasión de tomar parte nos percorridos científicos ‘SARndbox: un areeiro de realidade aumentada’, ‘A luz – regra do nanouniverso’, ‘Hardware de baixo custo e código aberto para control medioambiental’ ou ‘Fai un iPhone do tempo da pedra’. A programación da G-Night en Lugo inclúe asemade dúas sesións, unha ás 18.00 horas e outra ás 19.00 horas, sobre as prestacións que ofrecen os robots á sociedade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.09.2021.