Ciencias Económicas e Empresariais convoca un concurso de pintura

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais convoca o I Concurso de Pintura ‘CreArte na Universidade’ no marco da Quincena Cultural do centro que este venres 18 chega ao seu fin cun concerto de música tradicional galega. No certame, cuxo prazo de presentación remata o 25 de novembro, pode participar toda a comunidade Universitaria da USC. As bases establecen que só se pode presentar unha obra por artista, de temática libre, que deberá ser inédita e non estar premiada noutro certame. A dimensión da obra non poderá ser inferior a 70x70 centímetros nin superior a 120x120. As obras seleccionadas expoñeranse temporalmente na Facultade nunha mostra que se inaugurará o mércores 14 de decembro ás 13.00 horas coincidindo coa entrega do premio, e permanecerá aberta ata o 10 de febreiro do vindeiro ano. De entre as seleccionadas, o xurado poderá outorgar un premio de 500 euros a unha das obras. Ademais, a premiada pasará a formar parte do patrimonio da Facultade e permanecerá durante un ano no ‘Espazo de Arte’ reservado no centro para este fin.