Ir o contido principal
STG

Ciencias Económicas e Empresariais entregou durante o seu patrón os Premios Extraordinarios de Doutoramento e Licenciatura, á Calidade Lingüística e o Fulget 2010

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais entregou este martes 5 de abril os Premios Extraordinarios de Doutoramento e Licenciatura, á Calidade Lingüística e o Fulget 2010. Foi no transcurso dos actos celebrados co gallo do seu patrón, San Vicente Ferrer. A empresa Blusens Global Corporation recibiu o premio Fulget 2010, que concede a Facultade de CCEE, a unha empresa ou colectivo empresarial de carácter galego, en recoñecemento a súa colaboración en accións encamiñadas a mellorar as relacións entre a actividade académica da facultade e a súa contorna profesional. No mesmo acto tivo lugar unha homenaxe aos profesores falecidos recentemente: José Vilas Nogueira, Camilo Prado e Carlos Insúa. Así mesmo, entregáronse diplomas e bandas aos alumnos que foron merecedores dos Premios Extraordinarios de Licenciatura e Doutoramento, así como a o gañador do Premio á Calidade Lingüística da Comisión de Normalización Lingüística da facultade. A vicerreitora de Economía e Infraestruturas, Sara Cantorna, abriu a xornada conmemorativa, que pechou o profesor José Antonio López Taboada, que se atopa no seu último ano na facultade ante a súa próxima xubilación.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.04.2011.