Ir o contido principal
STG

Ciencias da Educación homenaxea a Antón Costa na presentación do libro 'Realidades e horizontes da educación en Galicia'

Antón Costa, segundo pola esquerda, foi homenaxeado na presentación do volume
Antón Costa, segundo pola esquerda, foi homenaxeado na presentación do volume
A obra busca afrontar problemas socioeducativos e escenarios de formación que afectan a toda a cidadanía

Co título Realidades e horizontes da educación en Galicia, libro que coordinan os profesores da Facultade de Ciencias da Educación da USC José Antonio Caride e Jesús Rodríguez, pretende ofrecer desde a pluralidade académica "unha mirada panorámica, crítica e comprometida sobre cuestións fundamentais do desenvolvemento educativo en Galicia, aquí abordadas con algunha profundidade e de xeito especializado", aseguran os editores.

"Cuestións e reflexións trazadas a partir dalgúns apuntamentos históricos, procurando afrontar problemas socioeducativos e escenarios de formación que nos afectan a toda a cidadanía, sexa como parte das comunidades educativas, como especialistas e técnicos do mundo pedagóxico ou como cidadáns que desexamos unha sociedade galega democrática e culta. Con esta mirada reflexiva preténdese contribuír a consolidar un espazo público deliberativo para o noso mellor desenvolvemento educativo", explicaron Caride e Rodríguez na presentación do volume, que se desenvolveu este xoves.

A obra, que reúne as achegas de 56 profesoras e profesores das tres universidades galegas e dos distintos niveis educativos, xunto a outros técnicos do mundo da educación, está estruturada, logo do 'Limiar' elaborado polo coordinadores, en tres grandes arcos, que agrupan en cada caso un conxunto de sete textos, aos que acompaña un 'Epílogo', así como as oportunas referencias documentais e sobre as autorías.

A organización deste volume, indican os coordinadores, "quere ser un modo de facer un recoñecemento á traxectoria docente, investigadora e cidadá do profesor Antón Costa Rico, catedrático de Historia da Educación na USC, quen ao longo de máis de catro décadas asumiu tarefas como docente, investigador, impulsor e organizador, tamén no plano institucional, nun continuo servizo á causa do desenvolvemento educativo, cun maxisterio estendido sobre varios ámbitos. El mesmo foi invitado a escribir un epílogo, que titulou 'A nosa educación: o escenario, estudos, programas e retos', onde procura plasmar algunhas das súas máis insistentes preocupcións, como pode ser a de dotarse dos instrumentos que poidan contribuír a avanzar o horizonte da nova educación galega. Na imaxinación destes horizontes intervén no seu conxunto Kalandraka Editora, e no seu seo a colección Biblioteca de Pedagoxía, da que o presente volume constitúe o seu nº 17".
 

Parte do público asistente ao evento
Parte do público asistente ao evento
Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.12.2024.