Ir o contido principal
STG

Ciencias da Educación pon enriba da mesa o debate sobre a lingua

Na tarde deste venres 27 os representantes das formacións políticas maioritarias debaten sobre un modelo lingüístico para Galicia

Analizar dende un punto de vista educativo o modelo lingüístico máis acaído para o ensino non universitario en Galicia no marco de discusión actual é o principal obxectivo das xornadas que este venres e sábado se desenvolverán na Facultade de Ciencias de Educación, no Campus Sur.
O encontro contempla na tarde do venres, ás 16:00 horas, unha táboa redonda na que Carme Adán polo BNG, Guillermo Meijón polo PSdeG-PSOE e Román Rodríguez González polo PP debaterán acerca dos principios para un modelo lingüístico consensuado e estable para Galicia. A continuación o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, explicará o novo decreto sobre as linguas no sistema educativo non universitario.
Estas dúas citas das xornadas, sumadas a outras moitas que se desenvolverán ata o sábado, espertaron grande expectación entre comunidade universitaria, esgotándose as prazas que se ofertaban varios días antes do peche da inscrición. Serán así preto de trescentas as persoas que acudan este venres 27, ás 9:00 horas, ao acto de apertura do encontro que correrá a cargo da secretaria xeral da USC, Isabel García-Rodeja.
Trátase de estimular os centros formadores de profesorado para melloraren a formación lingüística dos futuros docentes de xeito que se satisfagan as demandas do sistema educativo. Por iso as xornadas están destinadas principalmente ao alumnado e docentes das facultades de Ciencias de Educación e Filoloxía e das escolas de Formación do Profesorado da USC e de Galicia, ademais do profesorado do sistema educativo galego non universitario.
ProgramaLogo do acto inaugural este venres intervirán Fernando Ramallo, da Universidade de Vigo, para explicar a situación social da lingua galega, e Bieito Silva Valdivia, da USC, o panorama no sistema escolar galego. Deseguido, expertos de educación secundaria da Coruña, Rianxo e Ferrol tratarán as estratexias para a planificación lingüística escolar.
Serán alumnos da Facultade de Ciencias da Educación da USC quen dean comezo á xornada do sábado expoñendo diversos usos lingüísticos e ideas sobre as linguas, nunha charla que se completará coa proposta de profesores dese centro e da Facultade de Filoloxía compostelá para a formación dos futuros docentes en relación coas linguas e co seu ensino.
As xornadas rematarán na mañá do sábado co relatorio ‘Linguas e globalización en Europa’ a cargo do profesor da USC e director do Observatorio “Atrium linguarum”, José Manuel Vez.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.11.2009.