Ir o contido principal
STG

Científicos da USC identifican a concentración crítica para a formación de agregados tóxicos da enfermidade de Alzhéimer

Mercedes Novo, Sonia Freire e Wajih Al-Soufi, nun laboratorio da Facultade de Ciencias de Lugo
Mercedes Novo, Sonia Freire e Wajih Al-Soufi, nun laboratorio da Facultade de Ciencias de Lugo
A revista ‘Scientific Reports’ publica nun artigo a investigación desenvolvida na USC por Mercedes Novo, Sonia Freire e Wajih Al-Soufi

A enfermidade neurodexenerativa de Alzhéimer está relacionada coa aparición de pequenas aglomeracións dunha proteína natural, a beta-amiloide, nos cerebros dos pacientes. Investigadores do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela lograron demostrar por primeira vez que a forma máis tóxica desta proteína, a Ab-42, forma aglomerados de xeito espontáneo en canto a súa concentración supera un certo límite. Este importante resultado foi publicado na revista prestixiosa Scientific Reports da editorial Nature Publishers.

Aplicando unha técnica ultrasensible, capaz de analizar moléculas individuais, a investigadora Mercedes Novo e o seu equipo determinaron a concentración crítica da formación de agregados pequenos da proteína beta-amiloide Ab-42 no medio fisiolóxico.

“Logramos avanzar no estudo desta proteína grazas ao traballo meticuloso da doutora Sonia Freire” , salientou Novo. “Outros laboratorios analizaron variantes da proteína máis fáciles de manexar, pero nós puxémonos como reto dar coas condicións experimentais adecuadas para o amiloide Ab-42, a variante máis relevante para a enfermidade. É moi difícil de manexar e custounos varios anos de traballo e moita paciencia obter resultados fiables -un tempo que laboratorios grandes moi competitivos xa non están dispostos a investir-”, explica .

A investigación dirixida por Mercedes Novo e Wajih Al-Soufi, profesores da Facultade de Ciencias de Lugo e investigadores do Grupo de Química Biofísica, Fotofísica e Espectroscopía da USC, demostra que a agregación inicial da proteína ten grandes similitudes coa ensamblaxe espontánea de micelas a partir de moléculas de surfactante, que foi amplamente estudado polos autores e permitiulles modelizar o proceso de agregación do beta-amiloide.

A existencia dun réxime de concentracións baixas libre de agregados da proteína Ab-42 apoia a hipótese máis aceptada actualmente de que un aumento da concentración desta proteína no cerebro pon en marcha unha fervenza de procesos que leva á enfermidade de Alzhéimer, onde os pequenos agregados formados nas etapas iniciais serían os maiores responsables da toxicidade. Por iso, unha mellor comprensión destes procesos iniciais é crucial na loita contra a enfermidade neurodexenerativa de Alzhéimer.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.03.2018.