Ir o contido principal
STG

Cine, teatro, música, exposicións e pintura conforman a oferta da Quincena Cultural de Ciencias Económicas

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais desenvolverá entre os días 7 e 18 de novembro a ‘Quincena Cultural’ con numerosas actividades entre as que se atopan teatro, concertos, un videoforum, a exposición ‘Con nome de muller’ ou o premio de pintura ‘Crearte na Universidade’. A programación de actividades arrancará o luns 7 coa instalación na entrada do centro dos paneis correspondentes á mostra ‘Con nome de muller’ na que se achegan á comunidade universitaria experiencias concretas de emprendemento protagonizadas por mulleres. Xa o martes 8, botará a andar o Cineforum coa proxección ás 17.00 horas de El informador. O mércores 9 inaugúrase á 12.00 horas a exposición ‘Con nome de muller’ ao tempoq que se abre o prazo para participar na convocatoria do premio de pintura ‘Crearte na Universidade’, coa intención de potenciar e difundir a creación artística no contorno universitario. A programación terá continuidade o xoves 10 cunha nova sesión do videoforum, proxectando ás 17.00 horas no Salón de Graos Enron, los tipos que estafaron América¸ e o venres 11, na Facultade de Psicoloxía, no foro TEDxGalicia@USC, primeiro TEDx galego de ámbito universitario co obxecto de achegar a Universidade á realidade social a través dun espazo no que compartir ideas e coñecemento de xeito interdisciplinario, diferente e entretido pero sen perder o rigor. A semana do 14 ao 18 comezará cun maratón do cineforum o mesmo luns 14, incluíndo a proxección ás 16.00 de Wall Street e de Wall Street. El dinero nunca duerme. Continuará este ciclo o mércores 16 coa estrea teatral ‘ Pelos na lingua’, ás 12.00 horas na aula A, a cargo de Talía Teatro que pon en escena unha comedia continuadora de Bicos con lingua, estreada en 2004. O novo espectáculo estrutúrase en sketchs que transitan entre o humor e a ironía, cunha duración total de 55 minutos. A proxección do filme Inside job, o xoves 17 ás 17.00 horas no Salón de Graos e un concerto de música tradicional galega o venres 18 a partir das 14.30 horas na aula A, porán fin á quincena cultural.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.11.2011.