Claudio Rodríguez Fer presenta o seu poemario dedicado ás mulleres represaliadas no terceiro encontro de 'Vermellas'
O escritor e profesor da Facultade de Humanidades Claudio Rodríguez Fer presentará o seu poemario Ámote vermella, no terceiro Encontro arredor da Mostra ‘Vermellas’ que terá lugar o luns 23 na Sala Isaac Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria ás 19:00 horas. Durante o acto, Fer ofrecerá un recital desta nova obra, coa que conclúe a súa triloxía poética sobre a memoria histórica iniciada con Lugo Blues e proseguida con A loita continúa.
Este poemario elexíaco, que conta con ilustracións de Sara Lamas, está organizado en tres partes. Na primeira e máis extensa do libro, ‘No corazón da besta’, o poeta homenaxea a todas as mulleres vítimas da barbarie do 36. Así, recupérase a memoria e o rostro das mulleres libertarias asasinadas en Galicia, como Josefa Barreiro González ou Dolores Blanco Montes, a voz das conserveiras e atadeiras do Morrazo.
Outrosí faise con Juana Capdevielle, secuestrada tras ser fusilado o seu marido, Francisco Pérez Carballo, gobernador republicano da Coruña, e asasinada e enterrada en Rábade o 18 de agosto de 1936. Hai tamén unha elexía pronunciada na lembranza de Amada García, fusilada en Ferrol o 27 de xaneiro de 1938, tras despedirse do seu pai, do seu marido e do seu fillo acabado de nacer.
A homenaxe esténdese ás mestras represaliadas como María Vázquez Suárez, Mercedes Romero Abella ou a ourensá Erundina Álvarez Pérez; ás matronas republicanas; ás mulleres descoñecidas que agocharon a fuxidos e pagaron coa súa vida por isto; e a todas as mulleres que tolearon de dor durante aqueles anos da represión. Na segunda e terceira parte, ‘Na besta do corazón’ e ‘Memoria contra a morte’, respectivamente, o poeta homenaxea as súas voces filiais máis queridas.
Ámote vermella é un berro contra o exterminio atroz daquelas vidas desfeitas, contra o esquecemento inxusto e o silencio cómplice no que se mantivo a estas vítimas do fascismo, ao tempo que constitúe un chamado en solidariedade con todas as comunidades do mundo que padecesen calquera ditadura do terror.
A exposición ‘Vermellas’, enmarcada no programa Lugo Cultural, estará aberta de luns a venres ata o 5 de maio, de 13:30 a 16:30 horas e de 19:00 a 21:00 horas. Tamén se poderán concertar visitas guiadas chamando ao teléfono 982.285.900. Ext. 21511.