Ir o contido principal
STG

Claudio Rodríguez Fer recibe o doutorado honoris causa concedido pola universidade francesa de Alta Bretaña

Claudio Rodríguez Fer recibe o doutorado honoris causa concedido pola universidade francesa de Alta Bretaña
Claudio Rodríguez Fer recibe o doutorado honoris causa concedido pola universidade francesa de Alta Bretaña
O escritor e profesor da Facultade de Humanidades de Lugo foi distinguido polo seu labor poético e pola colaboración con esta institución desde o ano 1995

O escritor e profesor da Facultade de Humanidades de Lugo Claudio Rodríguez Fer foi investido doutor honoris causa pola Universidade de Alta Bretaña en Rennes, a proposta dos departamentos de Español e de Bretón desta institución académica francesa. Neste acto recibiron o mesmo recoñecemento o poeta e ensaísta sirio Ali Ahmad Said Esber (Adonis) e o médico e profesor na Universitat de València José Viña Ribes. Rodríguez Fer acudiu á cerimonia acompañado pola decana da Facultade de Humanidades de Lugo, María Isabel González Rey, e pola súa compañeira Carmen Blanco, profesora no mesmo centro. Claudio Rodríguez foi profesor convidado de Literatura Española e Hispanoamericana na Universidade de Alta Bretaña en 1995, e desde entón regresou a Bretaña con frecuencia para impartir relatorios, participar en recitais poéticos e exercer como profesor visitante noutra das súas universidades, a de Bretaña Sur, en Lorient. A poesía do autor lucense, vertida a numerosas linguas, conta tamén con traducións ao francés, como no caso do seu libro Moito máis que mil anos. Froito das súas estancias nos países celtas son moitos dos seus poemas, recompilados recentemente na obra Amores e clamores; varios dos seus relatos, recollidos en Contos e descontos; e o seu libro de memorias Meus amores celtas. Ademais do seu labor docente na Facultade de Humanidades, dentro da USC Claudio Rodríguez dirixe a cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética e é tamén o codirector da revista de lingüística e literatura Moenia.

A Universidade de Alta Bretaña concedeu o título de doutor honoris causa a outros escritores hispánicos, como o peruano Mario Vargas Llosa, o chileno Jorge Edwards ou o hispano-francés Jorge Semprún, pero Claudio Rodríguez Fer é o primeiro escritor en lingua galega que recibe esta distinción.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.06.2012.