O Claustro debate o luns o Plan Estratéxico da USC para os vindeiros dez anos
O Claustro da Universidade de Santiago reúnese este luns 14 no Salón de Actos da Facultade de Psicoloxía para debater e someter a aprobación o Plano Estratéxico da USC 2011-2020, un documento de traballo sobre as liñas de xestión e goberno a adoptar na institución para os vindeiros dez anos. A reunión claustral desenvolverase a partir das 9:30 horas coa intervención do reitor, que presentará o seu informe. A continuación, a vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva, adiantará os contidos e accións do Plan Estratéxico, tras o que haberá un debate entre os membros claustrais e a votación.
O documento comeza facendo unha análise das fortalezas e debilidades para logo establecer as liñas estratéxicas a seguir, que se centran nos ámbitos das persoas, da actividade universitaria, da xestión institucional e da relación co contorno.