O Claustro da USC reúnese este xoves para tratar as Liñas Xerais da Programación Plurianual
O Claustro da Universidade de Santiago reunirase en sesión ordinaria este xoves, día 31, para tratar as Liñas Xerais da Programación Plurianual 2007-2010. Na xuntanza, que se desenvolverá a partir das 9:30 horas no Salón de Actos da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais (Campus Sur), presentarase ademais o Proxecto Ético Global da USC.
As liñas xerais de Programación Plurianual, que deben ser aprobadas polo Claustro, supoñen un documento guía de goberno para o Consello de Dirección da Universidade para os vindeiros catro anos. Nesta ocasión, o documento estrutúrase en oito apartados referidos a Espazo Europeo de Educación Superior: oferta e organización docentes; Investigación, desenvolvemento e innovación; Recursos humanos: PDI e PAS; Universidade das persoas: servizos; Presenza social da USC; Desenvolvemento dos Campus e das súas infraestruturas; Calidade e planificación; e Economía e financiamento.
Pola súa banda, o Proxecto Ético Global reúne un conxunto de principios, valores e normas referidos á actividade interna e á acción social da universidade, que expresan padróns morais de actuación aptos para servir como pautas reguladoras da práctica individual e colectiva.
Desenvolvemento da sesiónO primeiro punto a tratar na sesión do Claustro, e logo do informe do reitor, será o Proxecto Ético Global que presentará o valedor da Comunidade Universitaria, tras o que haberá unha quenda de intervencións e presentación de suxestións ao texto e, finalmente, a votación final a man alzada. Deseguido presentaranse as Liñas Xerais da Programación Plurianual e procederase á defensa, réplica e votación das emendas. Tras un último tempo de explicación, votarase o documento.