Ir o contido principal
STG

O Claustro da USC rexeita a escalada bélica en Oriente Próximo

A adhesión acordouse no Claustro. FOTO: Santi Alvite
A adhesión acordouse no Claustro. FOTO: Santi Alvite
Esta nova declaración institucional súmase á adhesión ao manifesto publicado pola CRUE ao respecto no pasado mes de outubro
Lugo, Santiago de Compostela

A Universidade de Santiago de Compostela, logo de terse adherido no mes de outubro ao manifesto de CRUE Universidades Españolas “polo que rexeita a escalada bélica en Oriente Próximo e traslada a súa solidariedade ás comunidade universitarias e científicas así como ao conxunto da poboación civil”, acordou no Claustro Universitario, na súa xuntanza do venres 30 de novembro, publicar a seguinte declaración institucional:

 “En relación coa terrible situación que se está a vivir en territorio palestino, dende a Universidade de Santiago de Compostela demandamos o cesamento dos crimes de guerra, a fin do bloqueo humanitario e a retirada de tropas israelís en Gaza e Cisxordania”, afirma o manifesto. “Por suposto, a comunidade universitaria chama ao cumprimento estrito da legalidade internacional e dos dereitos humanos. Consideramos que estas condicións son garantes para a consecución da única situación admisible, a paz en Palestina.

Por todo isto, dende a Universidade de Santiago de Compostela “demandamos o alto o fogo inmediato sobre estes territorios, así coma o apoio oficial e institucional á Corte Penal Internacional para investigar os crimes de guerra e de lesa humanidade”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.12.2023.