Ir o contido principal
STG

Clausura da primeira promoción do máster en Psicoloxía Xeral Sanitaria

Trátase dunhas das primeiras promocións de España neste posgrao que habilita para o exercicio da Psicoloxía en centros sanitarios

A primeira promoción do máster universitario en Psicoloxía Xeral Sanitaria, posgrao que habilita para o exercicio da Psicoloxía en centros sanitarios, celebra este xoves 25 a súa graduación nunha sesión protocolaria ás 17.30 horas no Salón de Actos da Facultade de Psicoloxía. Os 33 titulados e tituladas deste posgrao son dos primeiros do territorio español con esta especialización ao ser a USC unha das primeiras universidades españolas que implantou estes estudos. A programación académica deste posgrao outorga unha grande importancia á formación práctica, concretamente un terzo dos 90 créditos ECTS da carga docente. A posta en marcha deste máster tivo unha elevada demanda procedente tanto de Galicia como de fóra da comunidade, xa que aproximadamente o 50% do estudantado matriculado procedía doutros puntos de España así como de diversos países iberoamericanos. O vicerreitor de Comunicación e Coordinación da USC, José Pereira, preside esta sesión de clausura no marco dun acto no que tamén intervirán a decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Rosa Álvarez Prada; a decana da Facultade de Psicoloxía, Socorro Rodríguez Holguín; e a coordinadora o máster en Psicoloxía Xeral Sanitaria, Carmen Senra Rivera. Un relatorio baixo o título ‘Intervención psicolóxica na depresión adolescente’, a cargo do catedrático da Universidade de Murcia e experto en psicoloxía clínica, Francisco Javier Méndez Carrillo, precederá a entrega de insignias á promoción 2013-2015 do máster en Psicoloxía Xeral Sanitaria, tras a que a estudante Marta del Villar Rubín intervirá en representación dos integrantes da promoción.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.06.2015.